Un terzo dos casos derivados a mediación extraxudicial finalizan na primeira sesión

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

MATALOBOS

O servizo púxose en marcha en Ribeira o pasado mes de novembro e tramitáronse xa unha trintena de expedientes

23 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O martes conmemorouse o Día Europeo da Mediación e o Colexio de Avogados da Coruña aproveitou a ocasión para dar algúns datos sobre un servizo que na comarca só funciona en Ribeira e é, ademais, de nova creación. Púxose en marcha o pasado mes de novembro e neste tempo tramitou xa unha trintena de expedientes, aínda que uns cantos, concretamente un terzo deles, finalizaron na primeira sesión, segundo os datos da institución.

Á mediación chégase por dúas vías: pola solicitude dun particular ou ben derivado por un xuíz, que considera que un determinado asunto ou conflito pode resolverse cun acordo entre as partes sen necesidade dun proceso xudicial. Estes son maioría nos que se xestionan en Ribeira, onde non existía ata o pasado mes de novembro. Un total de 14 avogados, que teñen unha formación específica e ademais deben estar inscritos no rexistro de mediadores da Xunta e do colexio, prestan un servizo no que se resolven cuestións do ámbito familiar (como divorcios ou réximes de custodia), asuntos civís (desde reclamacións a conflitos de comunidades de veciños ou reparticións de herdanzas) e penais, como delitos por lesións.

Gran volume

Con tan pouco tempo en funcionamento, é difícil valorar a efectividade do servizo, pero o que si sinalan os avogados especializados en mediación é que non lles falta traballo: «Practicamente todos os días temos algunha sesión», explica o coordinador, Luis Fernández.

De feito, o volume de expedientes é tan elevado que se está buscado un espazo adecuado para as sesións, unha carencia da que se facía eco o propio Colexio de Avogados da Coruña ao solicitar á Administración autonómica «maior dotación e mellorar os convenios para facer da mediación unha realidade moito máis asentada. Na delegación de Ribeira nin sequera hai un local».

Luis Fernández: «Nós damos ferramentas para chegar a acordos, non actuamos como árbitros»

Coordinador do servizo de mediación

O servizo de mediación da delegación ribeirense do Colexio de Avogados da Coruña leva funcionando menos de dous meses e nese tempo rexistrou unha importante actividade que sorprendeu aos propios letrados: «Non agardabamos tanto volume de mediacións». O que fala é Luis Fernández, coordinador no partido xudicial, que sinala que a motivación de quen se embarcaron neste proxecto «é completamente vocacional».

—Como funciona a mediación?

—Se son particulares quen inician o proceso deben pórse en contacto co Colexio de Avogados, que tamén se encargada de designar a dous avogados como mediadores nos casos derivados desde o xulgado. Nós citamos ás partes nunha sesión informativa na que explicamos en que consiste e se todos están de acordo iníciase o proceso. Se uno só rexeita esta posibilidade, non se pode levar a cabo a mediación.

—Cal é o seu papel?