Carlos Callón: «Estou nun autoexilio dourado»

RIBEIRA

Callón reside no barrio de Belém, e dá clases de Xeografía e Historia na capital lusa.
Callón reside non barrio de Belém, e dá clases de Xeografía e Historia na capital lusa.

Durante moitos anos e como presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística foi unha das caras máis visibles das asociacións de defensa do galego. Hoxe segue con preocupación as novas sobre o idioma desde o seu posto de profesor en Lisboa

18 feb 2021 . Actualizado ás 18:54 h.

Nacido en Ribeira -«con B, a ortografía é moi clara», indica- e galego ata a medula, Carlos Callón (1978) vive dende hai un par de cursos en Lisboa, no que el denomina «un autoexilio dourado» temporal. «Un galego sempre se sente moi feliz en Portugal. Ás veces, oíndo falar ás señoras maiores até parece que me recordan á miña avoa de Olveira», asegura. No país veciño aparcou momentaneamente o seu labor como profesor de Lingua e Literatura Galegas para dar clases de Xeografía e Historia no instituto que ten a Embaixada española en Lisboa.

Na capital lusa reside dende o curso pasado, máis concretamente no barrio de Belém, «moi pretiño dos pasteis», chancea, «e co meu veciño o presidente da República Marcelo Rebelo de Sousa, e non lonxe de Madonna», segue o xogo. Unha artista á que, por certo, ten previsto ver en concerto esta noite. «É que a Madonna hai que vela unha vez na vida», engade entre risos, ao tempo que se confesa máis fan de Lady Gaga.

«A Madonna hai que vela unha vez na vida, pero eu son máis de Lady Gaga»

Aproveitar a ampla oferta cultural de Lisboa é unha das cousas que ocupa o seu tempo libre, polo demais dominado polo que el define como «gustos tranquilos». Entre eles, a serie Xogo de tronos -«son dos que asinaron en Change.org para que gravasen de novo toda a última temporada», admite-, que lle valeu para facer máis próximas aos adolescentes algunhas das súas clases. «Agora estou vendo Colombo, a orixinal de Peter Falk», recoñece rindo outra vez.

En medio desa risa fácil, que agroma con frecuencia ao conversar con Callón, fíltrase con naturalidade unha revelación persoal. O home do sorriso habitual sabe ben o que é non ter ganas de sorrir. «Coido que non está mal dicilo, porque a depresión forma parte da vida tamén», reflexiona. Así que tras un 2019 no que pasou por máis dun período depresivo, felicítase a si mesmo polo balance final. «Foi un ano no que fixen máis proxectos dos que cumprín, mais o feito de elaborar proxectos xa é positivo, porque implica un desexo, e cando tes curiosidade por algo xa é unha luz. Nese sentido, felicítome a min mesmo, porque ter proxectos non é pouca cousa», reflexiona.

«A depresión tamén forma parte da vida tamén»

Entre esas tarefas propostas que quedaron no tinteiro confesa con certo rubor unha: «Dá un pouco de vergoña, pero aínda non sei andar en bicicleta», conta.

O que si sabe -e do que gusta- é escribir. O ano pasado presentou o seu segundo poemario, e para o vindeiro espera publicar un estudo centrado na cuestión das homosexualidades nas cantigas galego-portuguesas. El, que como candidato ao Congreso soportou críticas por un vídeo bicando ao exdeputado Francisco Jorquera, defende que cando parecen renacer certos odios é aínda máis esencial recoñecer que «a historia é diversa e plural».

PACO RODRÍGUEZ

Fun

Profesor de Lingua Galega, concelleiro en Ribeira e candidato ao Congreso polo BNG

Son

Profesor de Xeografía e Historia e escritor de e ensaio poesía