Denuncian ante Educación o caso dos alumnos que tiveron que apearse do bus en pleno temporal

ribeira RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

Os proxenitores din que o condutor lles obrigou a baixar ante a imposibilidade de continuar o traxecto por unha balsa de auga

23 ene 2020 . Actualizado ás 12:03 h.

O pasado xoves 16, en pleno paso do temporal Brendan, un grupo de familias de Ribeira alertaba de que preto dunha vintena de menores usuarios do transporte escolar da ruta de Corrubedo víronse obrigados a apearse do autobús, unha cuestión que onte denunciaron ante a Consellería de Educación.

Os proxenitores defenden que foi o condutor o que lles obrigou a baixar, ante a imposibilidade de continuar o traxecto por unha gran balsa de auga «de 200 metros de longo e 0,6 metros de profundidade» que cortaba a circulación. Entre as distintas críticas, os afectados sinalaron que a forza da auga era tal que podía arrastrar aos mozos aos sumidoiros que estaban abertos para aliviar a canalización. Unha das nenas sufriu unha escordadura de nocello, tras introducir o pé nun destes buracos e foi trasladada ao hospital comarcal.

No escrito remitido á Xunta, os pais tamén lembraron que «a obriga do condutor é a de deixar aos nenos nas súas respectivas paradas e non abandonados á súa sorte».