Pablo Lijó: A promesa que se converteu en estrela mundial

Francisco Brea
Fran brea RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

CEDIDA

O ribeirense prepara a nova tempada co obxectivo de disputar o Master Final por primeira vez

19 ene 2020 . Actualizado ás 11:40 h.

Desde moi pequeno, Pablo Lijó (Ribeira, 1991) viviu rodeado de raquetas de tenis, como el mesmo recoñece. Aos 9 anos colleu unha e ata que cumpriu a maioría de idade non saíu da pista. Decidiu deixalo porque non gozaba xogando. A presión que ten un mozo que intenta ser profesional non compensaba. Pero pouco despois coñeceu o pádel e enganchouse. Lijó é profesional desde o 2015 e non lle vai nada mal. Non fixo máis que crecer na súa carreira ata colocarse entre os mellores xogadores do mundo. O seu soño, xogar o Master Final -para o cal unha vez xa foi reserva- no que participan os 16 mellores clasificados do ránking do World Padel Tour. A tarefa non é sinxela, pero non descarta que esta sexa a tempada na cal cumpra o seu obxectivo.

Comezou a súa andaina na Pobra, nas pistas de Pádel Puntopelota, ata que no 2014 deu o paso e trasladouse a Madrid. Os anos pasaron e, como recoñece, madurou, tanto no seu xogo como persoalmente. «Esta vida non a cambio por nada», asegura. É certo que se percorre o mundo e pasa moito tempo fóra de casa, pero «cada vez é algo que levas mellor e vasche organizando. Antes facíao toda sobre a marcha. Agora, cando me dan o calendario de todo o ano trato de planificar cando visitarei Galicia, en que época estarei máis caseiro coa miña noiva, cando farei unha viaxe de lecer... É o que che acaba dando a experiencia e se organizas a túa vida podes normalizala».

Tempada ilusionante

Pablo Lijó asentouse entre os mellores do pádel mundial por méritos propios e resultados, algo que tamén lle valeu para ser seleccionado polo combinado nacional. Agora afronta unha tempada ilusionante. Nestes momentos está na súa segunda semana de preparación -en total son sete- antes de comezar a competición. Coa súa parella, Álvaro Cepera, e os seus adestradores e preparadores, Adrián Caviglia, Manolo Pérez, Fabio Romojaro e Carlos Guerra, non renuncia a nada. «Teño un compañeiro estable, algo que non é habitual hoxe en día. Xa xogamos xuntos a metade da tempada pasada e no 2016. Axustámonos ben e agardemos que isto nos dea certa vantaxe sobre o resto».

«Estamos a facer o que creemos máis adecuado para mellorar máis que o resto»

A pesar de que a campaña pasada non foi a máis positiva no relativo a resultados, o ribeirense si que a cualifica como «a mellor en canto a xogo. Iso tiñámolo, pero faltaba algo para pechar os partidos. Tamén é certo que tivemos bastante mala sorte en varios torneos seguidos, xa que nos tocaban en primeira rolda as mellores parellas. Foron catro meses duros, pero fomos pacientes e ao final conseguimos gañar aos número uno. Foi unha pena que o noso pico bo de forma chegase ao final», comenta.

Pero Lijó comeza o ano motivado e «centrado no traballo. Estamos a facer o que creemos máis adecuado para mellorar máis que o resto».

O futuro

O pádel é un deporte que, por agora, permite estirar máis a carreira profesional dos xogadores que noutras disciplinas. Pablo Lijó atópase actualmente en plena forma, xa que, como el explica, «xa non son promesa nin chego a veterano. Teño 28 anos e o punto forte está entre os 26 e os 35. É a etapa máis produtiva. Antes tes picos bos pero es máis inestable, e despois o normal é que o teu nivel se estanque ou baixe».

Tamén é certo que a previsión de que os deportistas poidan manterse en activo «é máis longa que noutras modalidades, pero a tendencia é que se vaia acurtando. O circuíto profesional ten poucos anos e hoxe en día os veteranos están acostumados adestrar doutro xeito. Xa veñen mozos que traballan moi duro desde pequenos e iso nótase. Hai rapaces de 20 anos con moita enerxía». Isto provoca que «o pádel sexa cada vez máis físico, cando antes primaba máis a técnica e a táctica. Esta circunstancia reduciu a idade de xubilación. A achega dos mozos crea máis competencia e iso fai que o nivel aumente».

En canto á vez que seguirá sendo profesional, é unha cuestión que Lijó non quere exporse: «Ti planificas ano a ano pero non miras moito máis alá. O circuíto está cada vez máis apertado e as lesións son algo que non se poden prever». Por iso, só teñen en mente o seu obxectivo máis inmediato, que non é outro que escalar postos no ránking do World Padel Tour para colocarse entre as oito mellores parellas e ter o seu gran premio, que sería xogar o Master Final.