Manuel Ayaso, a mirada do creador

Ciprián Rivas VELAÍ

RIBEIRA

17 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Amirada do neno Ayaso sempre foi a dun creador. Miraba cara un, pero esculcaba o que había o redor. E o redor houbo e hai vida que non todos podemos ver. Están figuras de homes crucificados, de monstros mariños, de Neptunos con tridentes en forma de jixeiros, de polbos cabezóns, de virxes, de santos, de bispos de saias remangadas, de pateiros…

O creador non foi capaz de sacarse o tangaraño do corpo. Din que tiña unha enfermidade no pulmón e pautáronlle bos alimentos e repouso, pero non deron co diagnóstico. Aquel neno, o que levaban á praia da Katía para ver recoller o argazo e sacar peixe, nécoras, centolas, ameixas, navallas, da seca inmensa que chegaba aos modorróns. A mirada do neno Ayaso vixiou tódolos pasos dos seus devanceiros para adestrarse no soño de converterse en mariscador; máis aló de Picasso, de Goya, de Rembrandt, de Vermeer, de Miró, de Juan Gris. A súa mirada perseguía o horizonte e nel perdeu o medo a morrer para poder vivir tódolos días.

Aguiño, visto desde Nueva York non é o mesmo. Nueva York visto desde Aguiño tampouco. A esperanza de Ayaso era a de chegar ao río Hudson e sacar unha ducia de serráns, pero non puido ser.

A Asociación Francisco Lorenzo Mariño cumpre o que lle corresponde homenaxeando ao artista quen desde o outro lado do Atlántico berrou que sempre que se levantaba da cama soñaba que estaba no Carreiro, paseando pola praia do Castro na procura dunha nereida que o encantara, dunha serea que o enmeigara. El universaliza a Aguiño na súa obra e os seus veciños agradécenlle o seu labor.

Xusto recoñecemento que se reflectirá na mirada do home de 83 años que hoxe pasa ao lado dos xustos.