Hemeroteca: Lustres Rivas, nomeado fillo predilecto con suspense

Francisco Brea
Fran Brea LA VOZ

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

No pleno de aprobación da concesión da distinción vivíronse momentos de tensión, aínda que finalmente quedou en anécdota

06 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Manuel Lustres Rivas é unha persoa querida e respectada en Ribeira. Así, na capital barbancesa hai unha rúa e un centro cultural co seu nome. Hai 33 anos foi nomeado fillo predilecto nunha sesión plenaria que puido acabar en drama. Todo estaba disposto para conceder a distinción ao xornalista. Na sala estaba presente a súa filla, María del Carmen Lustres Fernández. Ao pleno acudiron 15 concelleiros, dos cales 13 votaron a favor, un en contra e outro se abstivo. Pero entón, o secretario municipal alertou de que a decisión non tiña validez xa que non había cuórum suficiente.

Neses instantes vivíronse momentos de tensión. A sesión chegou a levantarse sen que ninguén soubese como reaccionar, tal e como se reflicte na noticia publicada hai 33 anos en La Voz de Galicia. Cando todo parecía perdido, alguén alertou ao por entón alcalde Ventoso Mariño de que o cuórum necesario era das dúas terceiras partes dos compoñentes da corporación presentes e non dos 21 edís que habitualmente a forman. Isto significaba que os 13 votos favorables eran suficientes para nomear a Lustres Rivas fillo predilecto de Ribeira. Por iso, a sesión reabriuse e o drama vivido quedou nunha anécdota.

Ao finalizar o pleno, as autoridades locais e a filla do xornalista dirixíronse á actual rúa Manuel Lustres Rivas. Alí, en ambos os extremos da mesma, descubriron dúas placas. No acto estivo presente María del Carmen Lustres, quen recoñeceu que o seu pai sempre estrañou Ribeira cando se foi estudar a Santiago.