Estrea das «Medusas» de Belén Rodríguez en Ribeira

La Voz

RIBEIRA

CEDIDA

A colección poderá visitarse ata o 30 de setembro

21 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Desde o luns, as paredes da casa consistorial de Ribeira dan cabida aos cadros da artista melidense Belén Rodríguez Pazo. Trátase da exposición Medusas, unha colección formada por 25 cadros, a maioría deles acuarelas, que retratan a mulleres.

Á estrea acudiron a concelleira de Cultura, María Sampedro, que sinalou que a de Belén Rodríguez Pazo é a terceira mostra que pasa pola casa do Concello no que vai de verán; a comisaria da exposición, María José Carreira; e Eugenia Gómez, da galería O Faiado.

Pola súa banda, a autora explicou que as mulleres que aparecen reflectidas nos seus cadros son capaces da «deixar de pedra» quen as contempla, igual que o soado mito grego de Medusa, de aí o nome da exposición.

A inauguración da mostra de Belén Rodríguez tivo lugar o luns pola tarde e poderá visitarse nas dependencias da casa consistorial ata o próximo 30 de setembro.