Eugenio Rey : Un prestidigitador das palabras

Ana Lorenzo Fernández
ana lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

marcos creo

Despois de anos escribindo relatos curtos, acaba de publicar a súa primeira novela

10 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Inventar historias foi sempre un entretemento para Eugenio Rey , que agora converteu este pasatempo nunha afección que lle está dando moitas alegrías. «Cando os meus dous fillos eran pequenos sempre xogabamos a dicir cinco palabras e con elas facer un mini relato», confesa este funcionario compostelán que pasou toda a súa nenez e adolescencia en Ribeira. «Aínda que nacín en Madrid, pronto me vin para aquí, porque o meu pai era condutor de autobús e toda a súa vida fixo a ruta entre Santiago e a capital barbancesa, que é onde segue vivindo».

Precisamente os seus proxenitores foron os culpables de que iniciase a súa carreira literaria, posto que para celebrar as súas vodas de ouro propúxose novelar toda a súa vida nun libro de pequenos relatos, unha tarefa na que investiu máis de tres anos e que deu como resultado «un libro único, de máis de catro quilos de peso e con 200 ilustracións realizadas por debuxantes de todo o mundo».

Despois de presentarse a numerosos concursos literarios con estas pequenas historias, e de gañar varios premios e accésits, Eugenio Rey acaba de dar un paso máis e publicou a súa primeira novela, A verdade está no interior, un traballo no que tamén tivo moito que ver a súa familia. «O meu fillo dedícase ao sector do cine, a publicidade e o audiovisual, e el envioume un par de follas cun guion para que eu escribise un libro. Gustoume moito a idea, así que me puxen con ela e xa non parei».

Un par de meses foron suficientes para poder dar por rematado todo este traballo literario, «que ía facendo aos poquitos, cando tiña un pouco de tempo libre, pero o certo é que non me levou demasiado». E iso que a historia non é nada sinxela.

Aínda que non pode destripar moito o argumento, Eugenio Rey avanza que é unha novela policíaca ambientada en Manhattan, onde se trata un tema moi duro, pero que el adereza con pequenas doses de humor que aparecen nos diálogos dos protagonistas: dous axentes que son amigos e coñécense moi ben.

Primeiras críticas

Os primeiros que puideron ter nas súas mans A verdade está no interior felicitaron a Eugenio Rey , «porque din que é un libro que engancha, que llo leron de vez». Algo que contribuíu a esta facilidade na lectura foi a forma de narrar que empregou, posto que a intención do escritor foi que se parecese a unha longametraxe e, segundo algúns lectores, conseguiu ese propósito.

«O libro tamén quere ser unha homenaxe ao mundo do cine, que me encanta, e durante toda a trama van aparecendo os nomes de distintas películas como unha pequena chiscadela», apunta. Rey mesmo quere levar máis aló a súa paixón pola sétima arte e, entre el e o seu fillo, xa estudan a forma de conseguir que este traballo pase do papel á gran pantalla, aínda que confesa que é un proxecto complicado e teñen que buscar produtores para que se unan a esta aventura.

Novo proxecto

Esta non é a única idea que rolda pola cabeza do escritor, que está a pensar en aproveitar o libro que escribiu para os seus pais e sacar a luz e ampliar varios deses relatos. «Un amigo retoume a que pensase nesta idea, posto que publicalo todo é imposible, foron centos de horas de entrevistas a un centenar de persoas que os coñecían», apunta.

Ademais, esa primeira obra tivo un aliciente engadido moi especial, e é que foi pedindo a colaboración a ilustradores de todo o mundo, e contestáronlle 200 -algunhas da talla de Forges ou Xaquín Marín-, que de forma desinteresada puxeron imaxe á vida dos pais de Eugenio Rey .

Traxectoria. Naceu en Madrid pero pasou toda a súa nenez e adolescencia en Ribeira. É técnico de obras públicas e leva varias décadas traballando como funcionario no Concello de Santiago.

Premios. Os seus relatos curtos están publicados nunha ducia de libros, e con eles gañou varios primeiros premios e accésits.