O Concello de Ribeira busca un local para o punto de encontro familiar

A. Gerpe / A. Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

Unha opción está nun baixo da rúa Cristóbal Colón usado por Servizos Sociais

16 feb 2019 . Actualizado ás 21:57 h.

Os proxenitores da comarca afectados por casos conflitivos de separación e divorcio con menores implicados deben acudir a Santiago para cumprir co réxime de visitas establecido pola autoridade competente, dado que a comarca barbancesa carece dun punto de encontro familiar. A súa creación foi reclamada en varias ocasións e Ribeira é un dos concellos que con máis firmeza apostou pola súa consecución. Hai un ano, a Consellería de Política Social avanzou que valoraba a posibilidade de situar un na zona e a súa materialización podería estar próxima. De feito, o Concello busca un local para cederllo á Administración.

Unha das opcións é un baixo da rúa Cristóbal Colón. Este espazo consta de diversas dependencias que habitualmente utiliza o departamento municipal de Servizos Sociais para a realización de cursos.

Posible adquisición

O inmoble é propiedade dunha entidade financeira, tras un proceso de embargo aos seus promotores, e está cedido ao Concello. A alternativa é que a Administración local poida adquirir as dependencias e adecualas para a nova función.

No caso de non acadar un acordo, a intención é buscar outro local céntrico que reúna as características necesarias.

A posta en marcha do punto de encontro familiar non implicaría custo algunha para as arcas municipais -salvo o local- porque a contratación dos profesionais encargados de supervisar as visitas, facer un seguimento e atender aos implicados corre a cargo da Consellería de Política Social.

A necesidade de conseguir esta prestación hase feito perentoria porque o partido xudicial ribeirense rexistra un elevado número de casos de separacións nas que non é posible chegar a acordos de custodia compartida. Tamén se producen numerosas denuncias por casos de violencia sexista e, en ocasións, os pequenos só poden estar co seu pai nos puntos de encontro.

O desprazamento a Santiago resulta inasumible para moitos dos afectados polo trastorno e o gasto que implica.