Guerra aberta en Ribeira entre mariñeiros activos e xubilados

La Voz

RIBEIRA

Non dispoñible

Durante un tempo, os pensionistas faenaban libremente e vendían na lonxa

24 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Durante anos, os mariñeiros activos e os xubilados mantiveron en Ribeira unha guerra que mesmo se traduciu en varias mobilizacións. O conflito estaba no seu pico máis alto hai 21 anos, cando os pensionistas convocaban unha manifestación e os traballadores do mar ameazaban con bloquear o porto. Os primeiros argumentaban que, dado que as súas pensións eran baixas, tiñan que seguir faenando e vendendo as súas capturas na lonxa. Para os segundos, esta era unha actividade irregular, que supuña ademais un caso claro de competencia desleal.

As diferenzas entre ambos os colectivos chegaron a xerar momentos de tensión na cidade e obrigaron ao Concello a intervir. O executivo local, presidido por José Luis Torres Colomer, botou man da Lei de Pesca para inclinar a balanza cara ao lado dos mariñeiros, por carecer os xubilados de autorización para vender as súas capturas.

O tema estivo coleando durante un tempo, pero aos poucos fíxose cumprir a normativa e os xubilados só poden agora capturar pequenas cantidades destinadas ao autoconsumo.