«Cando oín TDAH dixen: Que é iso?»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. branco RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

As tres promoven a apertura en Ribeira dun punto de encontro de afectados

22 ene 2019 . Actualizado ás 07:41 h.

Dun tempo para acó, a palabra TDAH fíxose común no vocabulario de pais, profesores e especialistas do ámbito da psicoloxía infantil. Cada vez son máis os casos de trastorno por déficit de atención e hiperactividade que se diagnostican, polo que se fai necesaria a posta a disposición das familias de medios aos que recorrer en busca de axuda. Tres ribeirenses, Pili García, Rebeca Mariño e Uxía García, que se viron obrigadas a recorrer a unha asociación que funciona alén da ría de Arousa, decidiron fundar na cidade unha delegación dependente da entidade do Salnés, coa que compartirá servizos e profesionais.

As tres teñen claro que hai que incidir na divulgación do problema para sensibilizar á sociedade, pero queren sobre todo pór solucións ao alcance das familias afectadas. De feito, mantiveron onte un encontro co alcalde, Manuel Ruiz, para dispor dun local, petición que está previsto que teña resposta en breve : «Queremos ter un punto de encontro para intercambiar experiencias, impartir charlas e organizar obradoiros. Necesitamos darnos a coñecer, porque hai pais que aínda non recoñecen a existencia do problema, polo que de seguro que o están pasando moi mal», explica Pili García.

E ela sabe ben do que fala. A súa filla foi diagnosticada de TDAH hai 18 meses, pero ela levaba máis de catro anos percibindo un comportamento estraño: «Nun principio atribuínllo a varias situacións dramáticas que se viviron na familia, pero unha crise de ansiedade destapou todo». No departamento de neuroloxía infantil do Clínico abríronlle os ollos: «Cando oín TDAH dixen: ‘Que é iso’, porque non hai unha menciña que o cure e non sabía a quen recorrer na procura de axuda».

Compartir coñecementos

Pili García atopou respostas ás súas preguntas na asociación TDAH Salnés e agora quere brindarlle a axuda que recibiu a outras familias que poidan estar na súa mesma situación: «Teño que dar a coñecer todo o que sei pola miña filla e por outros nenos, porque eles o merecen. Quero que outros pais se beneficien da experiencia que eu e as miñas compañeiras temos».

Non existe unha cura para o trastorno por déficit de atención, pero si é posible minimizar as súas consecuencias. Un rápido diagnóstico e a asistencia continuada a terapias convértense en fundamentais. Na súa importancia incide outra nai afectada, Rebeca Cameán: «O meu fillo empezou cunha dislexia, pero cando lle diagnosticaron TDAH, un ano máis tarde, xa tiña asociados outros trastornos. Canta máis información teñan os pais e os profesores, máis doado será detectar o problema a tempo».

Explica que unhas xornadas que tiveron lugar no centro cultural Lustres Rivas o pasado mes de novembro puxeron ao descuberto que son moitas as familias que requiren información e servizos relacionados con esta cuestión: «Non pode ser que teñamos que acudir a un gabinete privado para axudar aos nosos fillos ou que nos vexamos obrigados a desprazarnos fóra da comarca. Somos moitos os afectados e o ideal é achegar os servizos».

En contra do que algúns poidan pesar, leste é un trastorno que afecta a persoas de calquera idade, aflorando mesmo en moitos adultos. De aí a importancia de que a poboación teña información ao alcance da man: «Eu tiven que ir a TDAH Salnés para que me abriran os ollos e o que pretendo agora é facilitarlle o proceso a outras familias, porque ningunha está libre de enfrontarse a este problema nun momento dado», apunta Pili García.

Próxima cita. O venres, ás 20.00 horas, haberá unha xornada formativa sobre o TDAH no IES Número Un de Ribeira.

Catro relatores. Intervirán a neuropsicóloga Cecilia Otero, a pedagoga Paula Suárez, a profesora de Pedagoxía Mariña Costa e a presidenta de TDAH Salnés, Lourdes Sanz.