Adurmiñados

RIBEIRA

22 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Tristemente veño confirmando nas últimas xornadas o que xa hai tempo que empecei a percibir. Os cidadáns de hoxe en día somos egoístas que só nos preocupamos por aquilo que nos afecta directamente e, ás veces, nin sequera por iso. Semella que vivimos nunha burbulla, adurmiñados de xeito perpetuo, sen capacidade ningunha de reacción diante dos feitos que nos rodean e moito menos de rebeldía contra as inxustizas manifestas.

Todos, polo menos os que non queden no camiño, chegaremos a ser xubilados e, aínda sabendo o perigo que corren as pensións e a miseria que perciben algúns na actualidade, practicamente ninguén arroupa aos obstinados maiores que periodicamente se concentran na comarca. Nin sequera teñen concorrencia aquelas convocatorias que son a nivel comarcal.

Outro tanto vén ocorrendo nas concentracións que promoven colectivos de mulleres, aínda que os motivos teñan tanto peso como a sentencia da Manada ou as retrógradas pretensións dun grupo político que aspira a ter responsabilidades de goberno nas distintas Administracións. O martes pasado, en Ribeira, penso que non eramos máis de 200 persoas, e iso que a convocatoria partía de diferentes entidades da comarca.

Acaso xubilados e mulleres non son xa colectivos con peso suficiente para facerse notar? Ou é que non hai detrás desas e doutras convocatorias motivos para saír á rúa? Pode ser, sinxelamente, que se estea mellor na casa, confiando en que outros emprendan na rúa unha revolución á que todos se suman sen pestanexar en foros como as redes sociais. Quizais é Internet a que nos ten anestesiados.