A Escola Náutico Pesqueira de Ribeira celebra as súas vodas de prata co obxectivo de seguir renovándose

RIBEIRA

Máis de 21.000 alumnos pasaron polas instalacións de Coroso nestes 25 anos

17 oct 2018 . Actualizado ás 12:44 h.

A Escola Oficial Naútico Pesqueira de Ribeira cumpre este ano as súas vodas de prata, e hoxe celebrárono cun acto moi especial, que se iniciou cun vídeo no que se repasou a evolución do centro, así como todos os logros conseguidos neste tempo. Varios exalumnos  tamén se sumaron á festa e enviaron vídeos lembrando o seu paso polas instalacións ribeirenses e falando do seu presente laboral.

O director Pedro Ribeiro quixo felicitar aos impulsores deste instituto, moitos deles tamén asistiron ao acto, así como ás administracións e empresas que colaboraron con el ao longo destes anos, no que «impartiron 1.065 cursos cun total de 21.050 alumnos». Destacou que o seu obxectivo é seguir ofrecendo a mellor formación, adaptándose ás novas realidades.

Tamén o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, lembrou a loita da cidadanía por conseguir que se abrise a escola na capital barbancesa. «Lembro as manifestación a Santiago o anhelo de todo o pobo para que se fixera xustiza cun pobo mariñeiro que vive do mar», resaltou o rexedor, que tamén quixo dar as grazas á conselleiro do Mar, Rosa Quintana, polo seu gran apoio nos últimos anos.

Precisamente, a representante da Xunta foi a encargada de pechar o acto, no que falou da importante aposta da Administración autonómica por impulsar os estudos náuticos. «Nos próximos dous anos invertiremos 1,5 millóns de euros en ensinanzas pesqueiras non regradas para promover ese relevo xeneracional que permita que Galicia siga sendo competitiva».