A sociedade Acuaes adxudica a obra para resolver os problemas de malos cheiros no saneamento ribeirense

RIBEIRA

Os traballos, cun custo de 190.000 euros, afectarán a varios bombeos e tanques de tormentas

17 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Unha das obras máis agardadas polos veciños afectados polas deficiencias no funcionamento do saneamento de Ribeira, tras a posta en marcha da depuradora, iniciou a conta atrás para a súa execución. O consello de administración da sociedade mercantil estatal Augas das Concas de España (Acuaes) adxudicou, por importe de 190.739 euros, os traballos encamiñados a resolver os problemas de malos cheiros.

O informe redactado polos técnicos de Acuaes constata que na fase de probas de rendemento, que segue vixente, constatáronse «cheiros en diferentes puntos da rede xeral que causaron afeccións a veciños». Tamén indica que a causa radica nas elevadas concentracións de gas nalgúns puntos e na insuficiente ventilación.

A análise hase realizado de forma integral para todo o sistema de saneamento, aínda que Acuaes estableceu unha orde de prioridades para as actuacións incluídas no proxecto que acaba de adxudicar.

Os puntos

Os traballos consistirán na optimización da ventilación e o tratamento de cheiros nos tanques de tormentas de Areeiros, nos bombeos de Ameixida e Castiñeiras e na arqueta que incorpora os caudais xerados en Areeiros e Aguiño.

Entre as actuacións figura a substitución do filtro de carbón e das conducións actuais de desodorización, á vez que se mellorará a ventilación, o que implicará o cambio de equipos e a colocación de filtros.