Escolares de Ribeira entran en contacto con o mundo da filatelia

La Voz

RIBEIRA

carmela queijeiro

Correos instalou unha exposición de selos no colexio de Frións, onde levarán a cabo diversas actividades relacionadas co tema

05 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O mundo dos selos é o título da exposición que Correos instalou no colexio ribeirense de Frións co fin de familiarizar aos nenos coa filatelia. A mostra é itinerante e ten un carácter participativo, de modo que implica a realización de diversas actividades, entre as que se atopan visitas guiadas que permitirán aos raparigos descubrir temáticas como os deportes, o medio ambiente e a comunicación a través dos selos.

A maiores, os escolares disporán dun taller de filatelia virtual, participarán en xogos, escribirán postais e mesmo terán ocasión de realizar coleccións.

A iniciativa, que cumpre 12 anos, está promovida pola Federación Española de Sociedades Filatélicas coa colaboración de Correos e ten como destinatarios a nenos de 6 a 12 anos. No colexio de Frións, a colección de selos permanecerá a disposición dos estudantes ata mañá.