Aguiño despediu a Lorenzo Mariño

La Voz

RIBEIRA

Non dispoñible

Faleceu tras unha longa enfermidade, deixando unha pegada indeleble como párroco e como galeguista

17 ene 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Centos de persoas abarrotaban, tal día como hoxe do 2004, a igrexa de Aguiño e o seu atrio para dar o último adeus a Francisco Lorenzo Mariño, que falecera a tarde anterior tras sufrir unha longa enfermidade. Home comprometido cos veciños e galeguista recoñecido, o sacerdote era moi apreciado na localidade, onde residía desde 1959. El fundou a parroquia e construíu, en 1965, un templo único en Galicia con forma de barco.

Francisco Lorenzo destacou tamén pola defensa do galego, que o levou, en plena ditadura, a empregalo para oficiar as misas. En 1999 recibiu a medalla de bronce de Galicia e o 25 de xullo do 2001 foi obxecto dunha multitudinaria homenaxe en Aguiño, onde se descubriu un busto seu. Tempo despois, deu nome tamén a unha rúa da localidade.

Tras a súa morte creouse a asociación Francisco Lorenzo Mariño, que a día de hoxe segue divulgando o seu labor e traballando no ámbito da difusión cultural.