Plácido Betanzos, 35 anos ó servizo da docencia

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

MARCOS CREO

O profesor foi homenaxeado nunha comida que tivo lugar no restaurante Baiuca

13 dic 2017 . Actualizado ás 05:10 h.

«Non foi unha homenaxe porque son un home do común e nunca fixen nada extraordinario. Foi un acto das miñas compañeiras e compañeiros que nunca saberei como agradecer». Con esas humildes palabras definiu o profesor Plácido Betanzos a festa que tivo lugar recentemente no restaurante ribeirense Baiuca e que reuniu a preto dun cento das grandes amizades dun home que se entregou incondicionalmente ao servizo da docencia durante 35 apaixonados anos.

«Teño unha auténtica débeda de gratitude, porque ao longo de todo este tempo portáronse extraordinariamente ben comigo, e do ensino levo tamén o gran cariño dos alumnos», destacou o homenaxeado, lembrando as bágoas de felicidade que verteu ao verse tan arroupado e querido.

Todo ese respecto por Plácido Betanzos plasmouse nas distintas intervencións que tiveron lugar durante a cita, como as verbas de Chus Cobas ou a canción que Maruxela interpretou para el. A eses discursos seguíronlle os de Jesús Laíño, integrante de Barbantia, e o do director do instituto Leliadoura, José Manuel Bey, ou o de Mónica Paula, que obsequiou a Betanzos cunha bela estatua dun faro. Pura Villar, colaboradora na obra Bágoas na chuvia, regaloulle a Plácido dúas ilustracións desa mesma publicación.

Vos centros

Para a ocasión, Bautista Ramos elaborou un vídeo que recolle os principais aspectos da vida de Betanzos. Ademais, o protagonista desta festa tamén aproveitou para facer un percorrido polos sitios que ocupan un oco no seu corazón: o antigo Instituto Social da Marina de Ribeira, o ano que pasou en A Guarda ou o seu paso polo CIFP Coroso e o Leliadoura.

«Fun feliz en todos os centros nos que estiven e esa palabra engloba moitas cousas, é ese auténtico estado de ánimo que che leva a levantarte cada mañá para ir a traballar cun sorriso», sentenciou Betanzos, ao que tamén regalaron unha viaxe para dous, cuxo destino elixirá súa muller: «Meréceo despois de aguantarme tantos anos».