Memory, un cuarto de século de éxito en inglés

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

anton parada

Máis dun centenar de estudantes conseguiron o seu título de Cambridge asistindo a esta prestixiosa academia ribeirense

12 dic 2017 . Actualizado ás 05:10 h.

Nos seus 26 anos de traxectoria, a academia ribeirense de inglés Memory non deixou de sumar éxitos. Proba diso foron os máis de cen diplomas entregados este mes nun acto ao que asistiu Anthony Ellis, o asesor da Universidade de Cambridge para a área de Galicia. Os mozos que aprobaran algún destes valiosos exames, desde alumnos de primaria a universitarios, así como os seus pais, participaron nunha xornada acerca da cal a responsable da academia, Susana Figueirido Woodford, destacou que constitúe «un recoñecemento público do seu esforzo, tanto pola nosa banda como pola súa familia».

Os pequenos de 3 anos abriron o acto cantando e demostrando o divertido que pode ser o inglés á súa idade. Tamén se exhibiu un vídeo no que se recollen as experiencias vividas no campamento de verán que a academia organiza en Baiona desde o 2006, e no que os asistentes (un máximo de 32) realizan actividades e xogos diarios na lingua de Shakespeare e contan cun cociente dun monitor, licenciado ou nativo, por cada cinco nenos.

O prestixio

«Os mozos aprenden que o inglés non é un capricho, senón unha necesidade a día hoxe», resaltou Figueirido Woodford sobre a importancia que ten conseguir un certificado de Cambridge, tanto para realizar prácticas no estranxeiro como para sacarse calquera título universitario en Galicia. «Cando comezamos a presentar alumnos adoitabamos levar un grupo de 8 ou 12, agora cada ano é un centenar», engadiu. Outro dos exemplos que retratan o papel docente que xogou esta academia ribeirense é a organización de estancias internacionais con familias nativas en Inglaterra e Irlanda, que comezaron hai 18 anos. Ademais de recibir clases polas mañás, os mozos melloran o seu nivel falando só en inglés.

Durante o acto de entrega dos diplomas, os estudantes tamén gozaron de sorteos de obsequios por cortesía de Memory, incluída unha degustación de bombones.