Rianxo lembra a Castelao reclamando un museo para divulgar a súa figura

RIANXO

Adolfo Muíños apeolu á xenerosidade individual e colectiva para recuperar a vivenda do escritor

29 ene 2023 . Actualizado ás 19:05 h.

Unha ofrenda floral realizada no paseo da Ribeira puxo fin en Rianxo aos actos que se veñen celebrando para lembrar a Castelao no mes que se conmemora o seu nacemento e o seu falecemento. O rexedor local, Adolfo Muíños, aproveitou para lembrar unha vella reivindicación do pobo, reclamando a unión de forzas para a conversión da casa do escritor nun museo que divulgue a súa figura, a súa obra e o seu pensamento. O alcalde nacionalista apelou á xenerosidade individual, referíndose aos propietarios do inmoble, e á colectiva, nomeadamente ás Administracións públicas, para conseguir que dito espazo se convirta nun lugar de referencia para toda Galicia.

Adolfo Muíños ratificou o compromiso do Concello de Rianxo para seguir colaborando coa Fundación Castelao, representada no acto polo seu presidente, Miguel Anxo Seixas. Diante da próxima celebración de eleccións municipais, o rexedor pediu que a vindeira corporación lle dea continuidade a este tipo de actos, co fin de seguir exaltando "unha figura que é un referente universal e que é fundamental para entender a Galicia actual e o seu autogoberno".

Nesta cuestión afondou Miguel Anxo Seixas, que situou a Castelao, xunto con Rosalía de Castro, como os dous grandes referentes do país. Referíuse ao proceso de cambio no que está mergullada a fundación que preside, aproveitando para reclamar un espazo máis digno en Compostela para a sede da entidade.

Adolfo Muíños e Miguel Anxo Seixas foron os encargados de depositar unha coroa de loureiro diante do busto de Castelao, mentres a agrupación Río de Anxo poñía a nota musical.