O Unión, un ascenso «made in» Asados

Carlos Peralta
CARLOS PERALTA RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

Los jugadores del Unión de Asados posan con el título de campeones de Primera Galicia.
Os xogadores do Unión de Asados posan co título de campións de Primeira Galicia. MARCOS CREO

O conxunto rojillo volve a Preferente cun persoal maioritariamente rianxeiro

09 feb 2023 . Actualizado ás 20:42 h.

Quedaban pouco menos de dez minutos de partido. Cristian dirixiuse á esquina do terreo de xogo do campo de Vilas. O futbolista do Unión de Asados colgou o balón á área do Negreira. Entre o barullo de xogadores, Isma cabeceou o esférico e o seu remate estrelouse contra o poste. O rexeite foi a parar aos pés de Jorge e o resto é coñecido.

O gol do defensor do conxunto rianxeiro pasa directo aos anais da historia do Unión. O equipo remontaba así dous tantos e conseguía o ascenso a Preferente. «O gol márcao Vilas», afirma Cristian, que non viu ao seu compañeiro empurrar o esférico, só aos futbolistas correr e a varios afeccionados entrar eufóricos ao céspede. «Saltou todo o mundo ao campo, a xente estivo impresionante e os xogadores volvéronse tolos», relata José Luis González, o técnico do conxunto. A máis de noventa metros, na outra portería, o gardameta Eloy celebra o tanto. Só el sabe o que significa xogar en Preferente co Unión e, 11 anos despois, volverá facelo. «Tiña esa espiña cravada», engade o capitán.

Os de Asados non se marcaron, nin moito menos, o obxectivo do ascenso a principio do curso. «O club viña dun ano difícil, chamáronme e o que querían era salvarse», lembra José Luis. O equipo pasara apuros para manter a categoría e comezaba o ano con varias baixas. Os recambios baseáronse en promocións desde a canteira e xogadores da zona con pasado na entidade. «Excepto dous ou tres futbolistas, todos somos de por aquí», afirma Cristian.

Un cambio de estilo

José Luis González modificou a idea de xogo. O equipo trataba de saír co balón controlado e en pretemporada comprobou que esa estratexia sacaba a relucir as carencias do persoal. «Cambiamos. Pasamos a ser máis intensos e a traballar máis en defensa». O conxunto quería ser unha roca.

O Unión empezou a carburar desde o inicio con cinco vitorias sen encaixar ningún gol. Entón, chegou a primeira derrota ante o Cidade de Ribeira, na Fieiteira e, despois, varios partidos sen triunfos. O equipo volveu gañar, por fin, con remontada incluída en Lalín. «Alí recuperamos a confianza», afirma o técnico dos rianxeiros. A actitude dos xogadores axudou nos momentos malos. «Había que ir co adestrador a matar», apunta Cristian. O conxunto de Asados finalizou a liga como líder do seu grupo e chegou con opcións ao último partido da fase final.

Todos coinciden en que a primeira metade contra o Negreira foi calamitosa. «Estaban atenazados», afirma José Luis. «Un desastre», engade Eloy. Unha parada do porteiro e capitán evitou o terceiro tanto visitante que tería sido a sentenza definitiva. «Aguantei ata o final e pareina», lembra. Na segunda metade, Andrés, un dos retornados, abriu a lata cun sensacional falta. «Ese gol cambiounos a dinámica», sinala José Luis. Isma foi un dos xuvenís que promocionaron ao primeiro equipo. El tivo o amorne suficiente para anotar o segundo nun man a man co porteiro rival. Aos dez minutos, chegou o gol de Jorge, a invasión de campo e a festa. Aínda quedou un tempo engadido «que se fixo eterno», lembra Eloy.

O Unión volverá, por terceira vez nos seus 53 anos de historia, a Preferente. Un fito que enche de orgullo a toda a parroquia. E é que, un ascenso, cos teus, sempre sabe mellor.