Galicia Nomeada suma 20.000 topónimos nos seus nove primeiros meses de vida

Laura M. Gómez

RIANXO

cedida

Rianxo é o municipio con maior número de achegas, con 1.800 nomes incluídos na plataforma

21 sep 2020 . Actualizado ás 23:54 h.

Todo en Galicia ten un nome. Cada leira, cada fonte, os penedos e as veigas. Tal é a concentración de topónimos por metro cadrado que, nos nove meses que leva funcionando a plataforma Galicia Nomeada, xa se recompiaron 20.000 destas denominacións e na súa recollida participaron arredor de 1.300 persoas. Unhas cifras que dan conta da boa aceptación desta iniciativa que puxo en marcha a Real Academia Galega en colaboración coa de Xunta de Galicia.

Nin os meses de confinamento frearon o crecemento deste mapa de nomes espallados por toda a xeografía galega. Dende o mes de marzo, Galicia Nomeada continuou a medrar con máis de 6.500 topónimos incluidos na súa base de datos. Son na súa maioría microtopónimos do campo, nomes que se perderon co paso das xeracións ou que están en risco de desaparecer e que agora esta plataforma quere recuperar.

Á cabeza desta busca sitúase Rianxo. O municipio barbanzano conta xa con 1.800 topónimos rexistrados. Sendo así, non é de estranar que dúas das usuarias máis activas da aplicación sexan precisamente persoas que recuperaron os nomes esquecidos desta localidade.

Unha delas, Ana Clotilde Bravo, filóloga e rianxeira, incluiu unhas 600 denominacións das parroquias de Isorna e Leiro. Igual de numerosa foi a achega feita por Susana Silva. «O meu traballo centrouse nas parroquias de Asados e no Araño», afirma esta profesora que, a pesar de non ser de Rianxo, recompilou ata 1.000 destes microtopónimos.

Xa na Pobra do Caramiñal, o traballo de Miguel Conde tamén deu os seus froitos. Unha trintena de entrevistas ós seus paisanos tiveron como resultado 460 nomes de recunchos. «Aínda me quedan uns cantos por subir», conta o pobrense.

A contribución destes tres usuarios non é casual: todos tiñan formación en toponimia e foron seleccionados polos seus concellos para identificar e difundir os nomes tradicionais do lugar. Agora, coinciden, «é o turno dos veciños, das asociacións e de todos aqueles foráneos que estean interesados no tema»

Gran apoio

O traballo de recollida non é sinxelo. Son horas de camiñatas e conversas que non sempre ofrecen os resultados esperados. «O principal obstáculo é que xa queda pouca xente que saiba nomear os lugares. E, de quedar, xa son maiores», explica Bravo. Tanto é así, que o pobrense Miguel Conde chegou a entrevistar «a un vecino de máis de noventa anos que xa non se podía levantar da cama».

Exemplos coma este demostran o interese co que os máis vellos acollen iniciativas como Galicia Nomeada. «Non poden usar a aplicación, pero todas as persoas ás que entrevistei están encantadas de participar connosco no proxecto», afirma Bravo. É hora de colaborar.