O músico Xico de Carinho lanzará en Rianxo o seu cedé «Na harmónica»

M. X. B. RIBEIRA

RIANXO

marcos creo

Participará na segunda edición da actividade cultural Conversas na de Dieste, promovida pola Bubela de Abuín

19 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Mañá • Casa de Rafael Dieste (Rianxo) • 20.30 horas • Quico Peña Villar, máis coñecido como Xico de Carinho, forma parte da historia musical de Galicia desde os anos 60. Forxou a súa traxectoria a través de gravacións con diversos artistas e grupos, como a Ronda dos Cuatro Caminhos e a Orquestra Sinfónica Portuguesa; e nun feixe de concertos, nos que compartiu escenario con José Zeca Afonso, a Orquestra Cantos na Maré, Marina Rossell e Miro Casabella, entre outros. Agora ofrece, en formato libro, o seu primeiro disco como solista, acompañado claro está da súa inseparable harmónica.

Para falar deste proxecto, o artista estará mañá en Rianxo, participando unha nova edición, a segunda, das Conversas na de Dieste, promovidas pola Asociación Cultural Bubela de Abuín. O disco, titulado Na harmónica, está composto por 14 temas, para os que Xico contou coa axuda de Jorge Sarraute e Isabel Rei. O traballo abre Zeca, a nova colección de libros-cedé da Central Folque.

Actuación musical

Xico de Carinho non estará só no seu desembarco en Rianxo. Terá ocasión de conversar e tamén de cantar con Manolo Cespón, José Nine, Alba María, Os Quinquilláns, Helena de Alfonso, José Lara Gruñeiro e Xosé Luís do Pico Orjais. O público tamén poderá sumarse ao faladoiro.

As Conversas na de Dieste constitúen un programa de actos que se desenvolven cada terceiro xoves de mes.