A artista que pasou do escenario á empresa

Jose Manuel Jamardo Castro
j. m. jamardo RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

cedida

A taragoñesa Maica Iglesias abandonou a música para penetrarse no mundo do interiorismo e da decoración

16 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Foi cantante de éxito na década dos 90 e agora é unha empresaria que adora o seu traballo. É Maica Iglesias Meda (Taragoña, Rianxo), unha persoa ligada á música desde moi pequena pola súa familia e que se sente realizada co que fai na actualidade. É interiorista, decoradora e responsable da firma Myka Deco, con sede en Santiago, onde ten a tenda e o estudo.

Maica Iglesias deu os seus primeiros pasos entre fogóns e mesas do restaurante familiar Casa Pachín, onde estivo sempre «rodeada de xente». Ademais, a música estaba moi presente na súa vida pola afección e a traxectoria do seu pai, Ramón Iglesias , Pachín, que exerceu como vocalista nas orquestras Gran Pena e Andújar.

A vida transcorría feliz na súa Taragoña natal. De moi noviña acudía, como outros moitos raparigos da parroquia, ao centro cultural a ensaiar coa banda infantil, na que tocaba o oboe. Mentres, na súa casa, as vodas e banquetes eran habituais e ela xa collía unha pequena pandereita para colaborar coas orquestras animando as veladas.

Primeiro disco

Da banda infantil xurdiu unha orquestra, Galáctica, da que era vocalista. Lembra que unha vez foron a actuar á Televisión de Galicia, onde a viu José Luis Blanco Campaña. Convenceuna para gravar un disco en galego que foi un éxito de vendas. A partir de aí comezaron as galas e as actuacións para sacar o seu segundo disco, este xa en castelán, e que «funcionou moi ben» en toda España.

Despois de varios anos e co nacemento da súa primeira filla, considerou que a súa etapa nos escenarios chegara ao seu fin: «Funme para sempre. Vivo outra vida que me gusta máis e agora síntome moito máis realizada». Profesionalmente dedicouse á música durante unha década.

Tiña que dar un xiro á súa vida e os seus referentes eran os seus pais, Ramón Iglesias e Carmen Meda, «unha auténtica loitadora que non se amedrenta ante nada». Encantábanlle os negocios e a súa primeira incursión foi montar unha tenda de decoración en Boiro. Despois trasladouse a Bertamiráns cunha socia e, fai uns seis anos, abriu a súa propia empresa na capital de Galicia, Myka Deco: «Foi unha aposta arriscada, pero vinme preparada para iso».

O traballo absórbea por completo. Non para. Atende o teléfono, aos clientes e visita os locais ou vivendas que se encarga de decorar. Lembra que deu o paso nesta nova andaina cando a crise estaba a pegar duro, pero ese contratempo «non me amedrentou. Teño un carácter como o da miña nai: traballadora e emprendedora. Tamén conto con xente ao redor que me apoiou moito. Fun aos poucos e hoxe as cousas vanme ben».

Esta taragoñesa é unha apaixonada da súa profesión. Sempre pendente de que todo o que fagan estea perfecto. Preocúpase de estar ao día en tendencias e modas. Viaxa moito e acode a feiras importantes como as de Madrid, París ou Milán. Tamén destaca que parte do seu éxito débese aos seus traballadores, pois «teño un excelente equipo».

Pero Maica Iglesias tamén é moi nostálxica. Bota a vista atrás e vese na súa casa de rapariga xunto aos seus pais, o restaurante, os seus amigos, o centro cultural e a praia, sobre todo a area e o mar. «Todos os domingos vou comer a casa da miña nai e cando chego miro pola fiestra para velo. É o que máis boto de menos. Pónseme a pel de galiña. É realmente marabilloso», destaca.

Uns pais especiais

Os recordos da súa nenez afloran con rapidez e nestes están presentes os seus pais continuamente: «Tiven a sorte de ter uns pais marabillosos. O meu pai era súper alegre e a miña nai todo carácter, que herdei. Admíroos pola súa capacidade de traballo e a súa forza para comerse o mundo. Eles déronme todo canto necesitaba e apoiáronme sempre en todo o que fixen. Foron cariñosos comigo e ao mesmo tempo duros, por iso estoulles moi agradecida polo que fixeron e como me educaron».

A familia é a súa pedra angular. Ten dúas fillas e cáelle a baba cando fala delas: «Síntome moi querida por elas. Son o máis importante na miña vida». A música perdeu unha gran cantante, pero ela séntese feliz co seu traballo e cos que a rodean.