Os alumnos do Brea Segade convértense en pequenos pastores

A. PARADA RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

CEIP Xosé María Brea Segade / Fousas ao monte

O colectivo Fousas ao Monte e o colexio de Taragoña desenvolven un proxecto sobre a sustentabilidade do bosque

14 feb 2020 . Actualizado ás 10:51 h.

O recreo acaba de dar comezo no colexio rianxeiro Xosé María Brea Segade e os escolares empezan a saír a xogar ao patio, pero unha boa parte deles pasa por alto a pista de fútbol para achegarse a unha dos enreixados deste centro de Taragoña. «Hai unha nova! Hai unha nova!», exclama, cargado de ilusión, un dos pequenos. Alén do peche atópase o motivo de tanta expectación, as novas veciñas desta comunidade educativa desde o pasado sábado. Nada menos que un rabaño de cabras autóctonas que forman parte dunha pioneira iniciativa desenvolvida conxuntamente co colectivo Fousas ao Monte e a comunidade de montes de Taragoña.

Baixo o título de , Máis ca leñaambas as partes levan a cabo un proxecto destinado a demostrar que a riqueza do bosque vai máis aló da madeira, co seu aproveitamento a través da gandería de pastoreo, a apicultura, o cultivo de cogomelos e castañas ou a resina de piñeiro e a cortiza do alcornoque. O primeiro paso foi a introdución dun rabaño de cabras autóctonas galegas, unha variedade que estivo ameazada ata a súa protección a comezos do 2000 e da que non hai moitos exemplares.

GUS DA PAZ

Aínda que o certo é que o número de cabras xa aumentou en Rianxo. Horas antes do inicio dese recreo, cando unha docente foi a botarlles unha ollada, unha delas estaba a parir. Nada raro para os pequenos, xa que o luns nacera outra cría.

Unha iniciativa pioneira

«Decidímonos por esta clase de animal polo tipo de monte abrupto», explica Emilio Saborido, responsable de Fousas ao Monte, posto que a primeira fase de Máis ca leña pasa por ir rotando estes exemplares nunha parcela duns oito mil metros cadrados habilitada ao lado do colexio -o Concello colaborou na creación do recinto-, chea de maleza e brotes de eucalipto e acacias. Cando os animais rematen o seu traballo, nese espazo crearanse pequenas mostras do aproveitamento dos recursos mencionados, con paneis explicativos.

A intención é que esa parcela funcione como un punto didáctico que tamén reciba visitas de alumnos de otos centros. A segunda fase é máis ambiciosa aínda, xa que a comunidade conta cun terreo próximo ao colexio, de 10 hectáreas, no que se realizarán estas mesmas accións, pero en maior magnitude. «É un proxecto de futuro e continuidade. Trátase de conseguir un rabaño sostible», analiza Saborido, xa que queren asociarse coa entidade desta raza caprina (Capriga) para vender exemplares e comercializar a súa carne. E xa hai establecementos hostaleiros locais interesados.

«A idea a longo prazo é poder contratar a unha persoa con algún tipo de necesidade específica que atenda o rabaño», explicou Saborido do cariz de inclusión social polo que apostan, á vez que se pon en valor o bosque e xérase emprego.

Educación privilexiada

«Todos recibimos o proxecto con moita ilusión, tanto o claustro como as familias do alumnado», explica a directora do colexio, Alma Caamaño, quen destaca a importancia pedagóxica desde o mesmo comezo, xa que o labor de pastoreo supón unha gran protección contra os incendios -coas chamas de marzo do 2019 aínda ardendo na memoria-, ao que tamén anota: «E xa estamos pensando como traballar con eles o vídeo que tomamos do nacemento».

Ademais, Caamaño sinalou que o contacto dos pequenos con estes animais está directamente relacionado con moitos aspectos do currículo. Por ese motivo, os integrantes de Fousas ao Monte realizan charlas teóricas nunha aula, acompañadas de diapositivas. Porque o fundamental é aprender que o bosque pode ser moito máis que leña.