Os furtivos, a balazos de noite cunha lancha de a confraría de Rianxo

M. X. B. RIBEIRA

RIANXO

arquivo

O patrón maior, Fernando Alcalde, e un vixiante saíron ilesos de aque contratempo

10 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O furtivismo do que tanto se fala hoxe en día non é un problema actual, senón que afecta desde hai anos ás confrarías da comarca barbancesa. Proba diso é o que ocorría a estas alturas de 1983 na ría arousá. Unha lancha de vixilancia do depósito de Rianxo recibía varios disparos de bala de madrugada, cando os seus ocupantes patrullaban o litoral tras ser alertados da presenza dunha embarcación nas inmediacións de punta Neixón, nunha zona que se atopaba vedada.

No interior da lancha ían o entón patrón maior da confraría, Fernando Alcalde, e un guardapesca, José Ramón Mosquera Tubío. Ambos saían ilesos do contratempo, aínda que é certo que logo se comprobou que varias balas impactaron contra a cabina, o que levou a pensar que a idea de quen as dispararon era ferir aos ocupantes.

Fernando Alcalde relataba o ocorrido: «Ao primeiro disparo tombámonos no plano da lancha, e inmediatamente seguíronlle en refachos uns dez ou quince máis. Acto seguido, os nosos atacantes déronse á fuga a gran velocidade».