A Garda Civil detivo a un veciño de Rianxo como presunto autor dun delito contra a saúde pública, outro de usurpación de estado civil e un terceiro contra a seguridade do tráfico

RIANXO

garda civil

A actuación tivo lugar tras detectar a Policía Local de Boiro ao home durmindo nun coche

21 ago 2019 . Actualizado ás 08:43 h.

A Garda Civil de Boiro detivo a un veciño de Rianxo como presunto autor dun delito contra a saúde pública, outro de usurpación de estado civil e un terceiro contra a seguridade do tráfico. A actuación tivo lugar despois de que unha patrulla da Policía Local de Boiro detectase a un home durmindo no interior dun vehículo estacionado na praza situada nas inmediacións do centro social. Os axentes procederon á identificación do ocupante e á inspección do turismo, achando no seu interior dous cans tombados nos asentos traseiros e, no seu maleteiro, restos de follas e plantas, posiblemente marihuana.

Ante estes feitos, os policías solicitaron o apoio da Garda Civil, que desprazou a unha patrulla do cuartel de Boiro e a compoñentes da área de investigación do instituto armado. A Policía Local facilitou o DNI do home e a Garda Civil, tras verificar o documento comprobou que non se correspondía co da persoa que o levaba.

Acto seguido, os axentes do instituto armado procederon ao palpado superficial do detido, atopando na súa vestimenta dous envoltorios de plástico e un de alumino, que albergaban no seu interior unha sustancia branca en forma de roca, supostamente cocaína. Esta, unha vez pesada, guindou un totasl de 37,02 gramos.

A Garda Civil solicitou a colaboración de Protecciòn Civil para sacar aos cans co fin de examinar o vehículo. Na inspección foi localizada unha carteira que contiña no seu interior 403,20 euros, dúas pistolas de gas, oito aneis de fantasía, unha navalla e un teléfono móbil.

Os axentes do instituto armado procederon a deter ao home como presunto autor dun delito contra a saúde pública pola cantidade de droga que levaba; outro de usurpación de estado civil por presentar un documento de identidade pertencente a outra persoa e un terceiro contra a seguridade do tráfico por ter accedido e estacionado o seu coche nunha zona de tránsito peonil.

O home foi posto a disposición do Xulgado de Instrución número 2 de Ribeira.