Rianxo servirá o seu mar en bandexa

RIANXO

CARMELA QUEIJEIRO

A tradicional exaltación da xouba estenderase a próxima fin de semana a outros produtos típicos

21 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Rianxo quere seguir exaltando a súa especie mariñeira estrela, a xouba, pero non está disposto a correr o risco de que lle ocorra o mesmo que o ano pasado, cando tivo que suspender a cita gastronómica ante a imposibilidade de conseguila polo peche da pesqueira. Como solución, o executivo ideou unha gran festa na que a xouba reinará, pero que tamén estará dedicada a outros produtos mariñeiros típicos da zona. A celebración foi fixada para a próxima fin de semana.

Tanto o sábado como o domingo, veciños e visitante porán degustar un amplo abano de peixes e mariscos, á vez que terán ocasión de aprender diversas formas de cociñalos, posto que haberá exhibicións a cargo de varios mestres dos fogóns.

Os bares tamén terán a oportunidade de sumarse á festa participando nunha ruta de tapas. O domingo mesmo será posible asistir á chegada dunha lancha xeiteira ao porto para seguir de preto o proceso de desembarco da xouba e o seu traslado ao lugar da exaltación, onde será preparada.

Esta parte gastronómica de Rianxo Cociña ou Mar ao Noso Xeito, nome co que foi bautizada a festa, completarase con diversas propostas de carácter lúdico, algunhas das cales destinadas a dar a coñecer os atractivos turísticos do municipio.

Visitas ao Museo do Mar

O Concello organizará visitas ao Museo do Mar, unha sala dedicada a divulgar tanto o pasado como o presente da actividade pesqueira a través de paneis e maquetas.

A festa gastronómica tamén contará con música. A tradicional correrá a cargo de Río do Anxo e Vai de Roda, pero o cartel incluirá outras actuacións, como as de Luar na Lubre ou Uxía Lambona e a súa Banda Molona, que forman parte do programa da Feira do Libro, que se celebra tamén a fin de semana.