San Xoán movido en Rianxo con roubo dunha escavadora e persecución de película pola autovía

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA

RIANXO

cedida

A Policía Local acabou interceptando na AG-11 ao mozo condutor, un veciño de Rois de 21 anos, que duplicaba a taxa de alcoholemia permitida

24 jun 2019 . Actualizado ás 22:44 h.

Movida foi a noite máis longa do ano en Rianxo, onde menos mal que se reforzou o servizo da Policía Local e había unha ducia de axentes dispoñibles, pois houbo desfeitas, un roubo dunha escavadora e ata unha persecución de película pola autovía. Esta última producíase cara ás 6.40 horas, cando a un vehículo dábaselle o alto no lugar de Che, en Taragoña, e seguía o seu camiño incorporándose á autovía. A policía seguiu ao coche, que ía en dirección Padrón, durante uns dous quilómetros, véndose obrigada a circular a 180 e 190 quilómetros por hora. Finalmente, o turismo foi interceptado e o seu condutor, un veciño de Rois de 21 anos, duplicou a taxa de alcoholemia. 

Do coche fíxose cargo a acompañante, que deu cero na proba de alcol. O condutor será denunciado por conducir baixo os efectos do alcol, por condución neglixente e por desobedecer as ordes dos axentes.

Roubo dunha escavadora

Antes, ás 4.10, a Policía Local de Rianxo fora alertada da presenza dunha escavadora en Campo Maneiro. Cando os axentes chegaron ao lugar comprobaron que a máquina tiña os cristais da cabina rotos e continuaba acendida. Pola zona había terra esparexida e mesmo unha árbore rota. Coa información achegada por unha testemuña, os policías localizaron o coche dun dos supostos autores do roubo e identificaron a varias persoas que poden estar relacionadas co suceso. Son veciños do municipio de Boiro, onde ao parecer estaba estacionada a escavadora.

Tres denuncias na mesma noite

A longa noite de San Xoán deu pé a que un mesmo condutor fose denunciado en tres ocasiones polos axentes de Rianxo. O devandito, un veciño da localidade que ten 31 anos, deuse á fuga ás 4.20 e ás 5.50 horas, tras ser visto polos policías circulando de forma temeraria pola parroquia de Taragoña. Nas dúas ocasións foi identificado visualmente, por tratarse dun condutor reincidente. Será denunciando por partida dobre por condución temeraria, o que implica senllas sancións de 500 euros e a retirada dun total de 12 puntos, e por desobedecer aos axentes, polo que se enfronta a dúas multas de 200 euros cada unha e á perda de 8 puntos do carné. Anteriormente, o seu coche fora cazado cando estaba estacionado nunha zona reservada para persoas con discapacidade na praia da Torre.

Desfeitas en varios puntos

A noite das fogueiras redondeouse no termo rianxeiro con varios actos de vandalismo. Os máis destacados foron a queima de cinco papeleiras no paseo marítimo e o novo ataque que sufriu a escultura da Santa Compaña realizada por Nuco Losada, á que lle romperon dúas das súas figuras.

Máis incidencias da noite de San Xoán en Galicia