Fousas ao Monte e o CRA de Rianxo denuncian a sabotaxe a unha plantación de árbores

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

Hai unhas semanas advertiuse de que desapareceran algúns exemplares, pero nesta ocasión arrasaron con practicamente todos

05 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O pasado mes de febreiro, os alumnos do colexio rural agrupado (CRA) de Rianxo, xunto co profesorado e as familias, levaron a cabo unha plantación de árbores en Taragoña, nunha zona coñecida como monte do Pleito. Realizaron a actividade en colaboración co colectivo Fousas ao Monte, que agora denuncia que alguén se dedicou a cortar os exemplares plantados polos nenos.

Non é a primeira sabotaxe que sofre esta plantación, xa que hai unhas semanas advertiuse de que desapareceran algunhas árbores, pero nesta ocasión arrasaron con practicamente todos. Algúns troncos apareceron cortados pola metade e outras pola base.

Ante esta actuación, a primeira reacción da comunidade educativa foi de indignación e rexeitamento absoluto, pero tamén de reivindicación, de maneira que xa están a planificar unha nova plantación na mesma zona e algunha outra actividade de concienciación. «Se cortan, nós volveremos plantar, é a única forma de demostrarlles aos que fan estas cousas que non teñen dereito a coartar o futuro dos nosos nenos», indicaban desde o CRA.