Tempestade pola deterioración portuaria

Ana Gerpe Varela
A. gERPE RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

CARMELA QUEIJEIRO

As críticas do sector pesqueiro aumentan pola falta de mantemento que, din, crea situacións de perigo. Portos di que está en marcha emendar as carencias

15 feb 2019 . Actualizado ás 20:02 h.

Carencias de iluminación, pantaláns rotos, elementos de seguridade inutilizados, portas que non pechan, escaseza de atracadas ou viarias cun pavimento feito cachizas forman parte da extensa relación de deficiencias nos peiraos citadas por profesionais do mar e confrarías. A falta de mantemento das infraestruturas desatou unha tempestade, na que o sector ten a Portos no seu punto de mira.

Aseguran que o arranxo dalgúns danos acumula anos de atraso, provocando que a deterioración vaia a máis e creando situacións de perigo. O patrón de Portosín, Iván Carreño, cualifica a situación de «tomadura de pelo». Subliña que a Administración fai unha gran promoción dos portos deportivos, algo que considera adecuado, pero apunta: «Antes que iates houbo barcos de pesca». Explica que continúa sen pecharse o acceso á área de traballo: «Hai roubos constantemente e as barreiras seguen sen colocarse. Dixeron que cambiarían os pantaláns a principios de febreiro, pero estamos a mediados e todo segue igual. Hai paneis que levan meses tirados».

Tamén en Ribeira hai marusía, a flota de artes menores fai equilibrios para descargar as súas capturas no peirao da nova lonxa, polo que levan agardando desde a apertura da instalación. Os mariscadores soben cos capachos de bivalvo por unha longa escaleira, correndo o risco de caerse. Comentan, ademais, o mal estado dalgunhas ramplas de atracada e as dificultades para transportar o peixe nos carretillos, porque a falta de uniformidade do pavimento provoca que «as caixas vaian saltando». A isto únense os roubos e actos de vandalismo.

Falta de luz

Dúas das queixas xeneralizadas son a escaseza de iluminación e a existencia de pantaláns rotos. En Aguiño, os mariñeiros explican que deben alumarse con lanternas, á vez que engaden que a cuberta da lonxa leva meses levantada e que hai elementos con óxido. Pola falta de luz tamén protestan na Pobra, cuxo patrón maior, Enrique Maceiras, explica que recentemente enviou un informe a Portos detallando as anomalías. A situación dos accesos aos amarres dos barcos da terceira lista e bateeiros tamén deixan bastante que desexar.

Os problemas coa iluminación repítense en Rianxo, onde o dirixente do depósito engade: «A lonxa vella, que usamos como almacén, precisa unha reparación, ao igual que os galpóns, a toma de auga dos pantaláns dos bateeiros está sen arranxar e os carrís de circulación, pavimentados hai dous anos, aínda están sen pintar».

Os profesionais do mar aseguran que todas as deficiencias foron transmitidas a Portos en máis dunha ocasión e critican as precarias condicións nas que deben desenvolver a súa actividade, á vez que mencionan o pagamento de taxas á Administración que non ven compensadas coa obtención dos servizos que precisan.

A Administración explícase

Desde Portos de Galicia negaron rotundamente que exista abandono ou despreocupación pola situación dos peiraos. Indicaron que son conscientes das deficiencias estruturais da iluminación que, explicaron, requiren da convocatoria de concursos de mantemento.

Subliñaron que o motivo da demora nas actuacións vén dado pola nova lei de contratación, que multiplicou por mil os trámites administrativos. Indicaron que os procesos para licitar de forma conxunta as reparacións en materia de iluminación e pavimentación dos portos autonómicos están en marcha. Así mesmo, precisaron que as situacións de urxencia son resoltas de forma inmediata.

En canto á substitución dos pantaláns de Portosín, desde Portos de Galicia comentaron que a data inicialmente prevista tivo que modificarse e que na actualidade se agarda que o cambio poida acometerse a finais deste mes ou principios do próximo.