Rianxo quere relanzar a festa co certame de carrozas

La Voz

RIANXO

DANI GESTOSO

Terá lugar o domingo e porá en xogo premios por un valor total de 3.000 euros

16 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Aínda que haberá actividades variadas e dirixidas a públicos diversos desde o 1 de marzo ata o 6, o Concello de Rianxo aposta un ano máis por converter o domingo no día grande do entroido na vila. Fai tres anos fixou para esa xornada unha nova actividade, un concurso de carrozas, que agora trata de consolidar pondo en xogo premios substanciosos. A suma ascende a 3.000 euros.

Ao concurso poderán sumarse grupos integrados por un mínimo de seis persoas, que deberán acudir á praza Castelao cunha carroza, entendida como un vehículo ou plataforma adornada sobre a que, polo menos tres presentas, deberán levar a cabo unha escenificación. Os participantes terán que sumarse tamén a un desfile que percorrerá as rúas do centro urbano.

As bases feitas públicas polo Concello recollen tres premios, por importe de 700, 500 e 300 euros para as mellores carrozas. A maiores, o xurado poderá conceder ata dez accésits por importe de 150 euros cada un.

Data límite, o 1

Aqueles grupos interesados en montar a súa carroza e probar sorte neste concurso deben ter en conta unha data, o 1 de marzo, que é o día no que se remata o prazo para formalizar as inscricións. Os impresos pódense entregar no auditorio municipal.

Á hora de emitir o seu veredicto, o xurado valorará cuestións como a orixinalidade e a creatividade da carroza, así como o esforzo que requiriu a súa construción. Tamén se terán en conta a escenificación e a vestimenta das persoas que formen parte do grupo.