Voadora reactiva a residencia artística de Rianxo

La Voz

RIANXO

CARMELA QUEIJEIRO

A compaña ensaia «Viñemos a dalo todo», peza que os veciños poderán ver en primicia mañá

23 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Foi, en outubro do 2015, a compaña que inaugurou a residencia artística de Rianxo e agora Voadora volveu a elixir o auditorio da vila mariñeira para preparar a súa nova montaxe: Viñemos a dalo todo. Con ela arrinca unha nova etapa dun formato de colaboración que permite ás agrupacións de teatro utilizar o edificio municipal a cambio de representar en primicia a peza.

O produtor do espectáculo, José Díaz, explicaba que se trata dunha fórmula perfecta para preparar unha montaxe: «Para min é o ideal, porque se lle dá uso a un teatro que, na franxa horaria que a nós nos interesa, non o ten, ao tempo que as compañías podemos ensaiar con tódolos medios». Destacou que foi o bo resultado da residencia anterior, co gallo da preparación da peza Calypso, o que propiciou que se repetise a experiencia: «Quedamos moi contentos porque o espazo é ideal, polas boas proporcións que ten e porque existe moi boa dispoñibilidade, tanto por parte do Concello como do persoal que aquí traballa».

O propio José Díaz forma parte do elenco de actores que estes días ensaian sobre as táboas do auditorio de Rianxo. Xunto a el están Fernando Epelde, Hugo Torres e Marta Pazos, que é ademais a directora da obra. Viñemos a dalo todo ten como punto de partida o repertorio musical que contiña un disco que a NASA enviou ao espazo en 1977, xunto con outros elementos, nunha especie de cápsula do tempo. «Collendo aquelas mesmas cancións, nós facemos un repertorio propio de música electrónica e tamén imos analizando os motivos polos que os homes queren deixar sempre ese selo, esa pegada», explica José Díaz.

Trátase dun espectáculo que a compaña presenta como a súa manifesta: «O noso manual e o noso pacto coa experiencia escénica desde o brillo de todos os seus elementos, o movemento, a música e as imaxes».

Estrea

Como contraprestación polo uso do auditorio rianxeiro como local de ensaios durante un tempo, Voadora estreará alí a montaxe. Será mañá, ás 20.30 horas, e o público poderá retirar as entradas, de forma gratuíta, unha hora antes da función. É importante ter en conta que se trata dun espectáculo dirixido a maiores de 14 anos. A compaña desembarcará despois no Teatro Principal de Compostela.

Con esta iniciativa, o Concello de Rianxo dá continuidade a un proxecto que se iniciou fai máis de tres anos e que propiciou estreas como os de Elisa e Marcela, a cargo da Panadaría; Raclette, da man de Ibuprofeno; e Voaxa e Carmín, baixo a dirección de Esther F. Carrodeguas.

A residencia artística rianxeira terá continuidade no futuro. Xa está confirmada a compaña que tomará a vez: Excéntricas, que ensaiará Carpe diem.