As infraccións por deixar feces de cans na rúa quedan impunes

a. lorenzo / sande / alvite RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

matalobos

Rianxo foi o único concello que interpuxo denuncias, seis, durante o último ano

17 feb 2018 . Actualizado ás 20:51 h.

De 30 a 5.000 euros. Esa é a contía das multas ás que se poden enfrontar os propietarios de cans que se deixen esquecidos os excrementos das súas mascotas nas rúas da comarca. Aínda que a teoría (en forma de ordenanzas) está aí, na práctica apenas se cumpre. De feito, soamente en Rianxo presentáronse media ducia de denuncias por este motivo durante o ano pasado. O resto de municipios non rexistrou ningunha, como moito, informouse aos donos de canes das sancións ás que se expuñan.

A razón que explica esta situación está en que é moi difícil pillar in fraganti a quen incumpren. Desde a área de Medio Ambiente de Boiro explicaron que, mesmo fai un par de anos, puxeron en marcha unha campaña na que varios policías de paisano intentaban localizar aos propietarios de canes que deixaban as feces na vía pública. «Pero unha vez que se vía a un, estes axentes tiñan que avisar a outro que estivese en activo, e entre unha cousa e outra non foi moi efectiva», recoñeceron. Ao mesmo tempo, tamén apuntaron que unha das principais queixas que chega a este departamento é a de veciños que critican que as rúas están sementadas de excrementos de canes, polo que consideran que é imprescindible a colaboración cidadá para alertar á Policía Local se ven que alguén está cometendo unha infracción deste tipo.

Tamén nas comisarías da Pobra, Muros, Outes, Carnota, Noia e Porto do Son recoñecen que foi moi difícil abrir un expediente por esta causa, «porque normalmente non estás no lugar cando se produce, e moitas persoas xa o evitan ao ver a un policía», explicaron desde o cuartel sonense, onde tamén recoñeceron que no verán, coa tempada de praias, adoitan detectar máis casos, pero non se chegaron a denunciar.

Canes soltos

O Concello de Ribeira anunciou fai un ano que iniciaría unha campaña sancionadora dirixida a evitar estas condutas incívicas, pero dita iniciativa non conseguiu dar os seus froitos, polo menos no que a número de multas se refire, xa que o ano pasado non se interpuxo ningunha por esta causa.

Con todo, si se tramitaron máis dunha vintena de expedientes relacionados con canes. En concreto, 14 facían referencia a cans que andaban soltos pola rúa, dúas dos cales pertencían ás razas consideradas potencialmente perigosas. Tamén se tramitou unha denuncia polos ruídos que provocaba unha mascota nun inmoble, tres por animais que non tiñan licenza, dúas porque non foran asegurados, unha porque non contaba co chip identificativo e outra porque non estaba rexistrado na lista de canes perigosos.

As contías varían dependendo do lugar e a reincidencia

Os axentes da Policía Local de Rianxo foron os máis activos á hora de denunciar esta conduta incívica, e durante o ano pasado abriron seis expedientes contra veciños que deixaron as feces dos seus cans na rúa. Segundo explicaron, a contía da sanción varía considerablemente dependendo do lugar no que se produza a infracción -as máis graves son no centro urbano-, e se o autor é reincidente neste tipo de casos.