A pluma que xorde en Porto do Son para invitar os nenos a reflexionar

Aldara Suárez / m. x. B. RIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

CARMELA QUEIJEIRO

Quere mostrar aos pequenos o mundo real con toques de maxia e inclusión

04 ago 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A literatura serve para transmitir grandes leccións de vida. Iso é o que pretende Patricia Torrado Queiruga coa súa primeira obra, Don Carlos e o misterio dos lucecús. A sonense empezou a escribir a moi temperá idade, pero é agora, cumpridos os 33 anos, cando se animou a publicar os seus textos, decidida a achegar un amplo abano de temas nun libro que está dirixido ao público infantil.

Os primeiros contactos desta licenciada en Filosofía coa literatura remóntanse a moito tempo atrás. Recoñece que «xa levaba cousas escritas dende hai anos, aínda que sempre quedaban nun caixón, pero chegou un punto no que me dixen a min mesma que tiña que sacalas á luz. Escribo pequenos relatos, poesía e tamén novela e contos para os cativos». Continúa reflexionando sobre os seus textos e afirma: «Ademais de estar enfocados aos nenos, poñen en valor o lugar onde vivimos, o medio ambiente, as tradicións, o amor e os prexuízos».

Un misterio nun pobo é o principal argumento narrativo da primeira obra desta sonense. A partir dese enigma, presenta personaxes moi diversos e interesantes: «Xúntanse cinco amigos que intentarán poñerlle solución a todas as cousas que están pasando. Ao mesmo tempo, este libro xorde como unha homenaxe a Xosé Carlos Mosteiro Fraga. É un pequeno chisco de ollo as súas obras, é dicir, hai títulos do meu libro que fan unha pequena reformulación a algún dos títulos dos seus escritos».

Patricia Torrado mostra unha realidade que sente que non está suficientemente representada, intentando poder ofrecer máis referentes e exemplos aos nenos que lean a súa obra: «Podemos encontrar a avoa bisexual dunha rapaza ou un mozo que é transexual. Non o quixen tratar dende un punto de vista tráxico, senón natural e normal. As persoas do seu entorno acéptanos, porque ao fin e ao cabo, sempre estamos en constante cambio e evolución». Agrega, a modo de confesión, que «tamén quixen incluír a unha nena en cadeira de rodas, para poder ensinar que todos somos iguais pese as nosas diferenzas. Os pequenos non tratan a esa moza con pena, senón que ven máis alá da súa enfermidade».

Crítico literario

Un dos principais motivos polos que a historia se crea deste xeito é porque, como ben apunta a escritora sonense, «a obra para a cativada xorde dunha necesidade, é dicir, de que teño un fillo pequeno e de que lle quero ensinar cousas, pero tampouco me apetece darllas moídas. Quero que el as perciba. El, ao mesmo tempo, é o meu crítico literario, o primeiro que le todo».

Cando máis goza Torrado é cando non se pon limitacións, asegurando que non ten rutinas: «Eu non me levanto e me poño un tempo para escribir. Hai algún día que escribo tres liñas e outro no que completo varias páxinas, depende de como me encontre nese momento. O que si teño claro é que para min escribir é unha necesidade e que, cando me xurde, debo plasmalo».

Patricia Torrado, que presentará o seu libro o día 7, conclúe cunha reflexión: «Cando empezas a escribir, primeiro de todo tenche que gustar o que fas; segundo, non te podes marcar metas inabarcables, porque o único que vas facer é frustrarte; e por último, é fundamental volver revisar as cousas que estiveches facendo ao longo do tempo. Hai xente que leva moito tempo con escritos nos caixóns, pero nunca é tarde para sacalos a luz».