Pilar Sampedro: «Hai que crear un tecido social activo, unha rede de participación non día a día»

irene martín SANTIAGO / LA VOZ

PORTO DO SON

XOÁN A. SOLER

Co grupo Alento Esbravexo promociona unha campaña arredor da figura de Díaz Pardo

12 jul 2020 . Actualizado ás 09:54 h.

É unha muller hiperactiva, correcamiños e chea de entusiasmo e enerxía. Pilar Sampedro Martínez (Queiruga, Porto do Son, 1955) -mestra e licenciada en Ciencias da Educación- prexubilouse cando cumpriu os sesenta para poder seguir traballando no que lle gusta, «sen horario nin control de ningún tipo», tal como advirte esta profesional que na última etapa da súa vida laboral se especializou en bibliotecas escolares dende a Consellería de Educación. Argumenta que o seu compromiso activo coa sociedade civil e a cultura reside en querer devolver algo do «moito» que lle deron. «Son a primeira da miña familia que chegou á universidade e a primeira muller da miña aldea en ter unha carreira. Ademais veño do rural, de lugares onde a cultura a tiñamos que facer nós, como sucedía en Outes e Noia. Po iso estou convencida de que a cultura pode facernos algo mellores por separarnos dos instintos máis básicos, e por desaliernarnos abríndonos a mente», segundo explica Sampedro, que perde a conta enumerando ás asociacións ás que pertence.

Ateneo, Alumni USC, Museo do Pobo Galego, O Galo, Barbantia, Gálix, Plataforma veciñal de Galeras son algunhas entidades polas que anda, e cando toca asumir responsabilidades nalgunha delas, tamén está disposta. E naturalmente é partidaria da cooperación e coordinación entre entidades: «Persoalmente interésame moito ese cosido de teas (asociacións diferentes) que dan unha colcha común na que todos e todas participamos en pé de igualdade. Pero tamén é importante que cada unha das entidades se sinta partícipe e protagonista», engade, ao tempo que pon como exemplo de colaboración a conmemoración do bicentenario do nacemento de Concepción Arenal, que se celebrou antes da pandemia. Á pregunta de se son as mesmas persoas as que están en todos estes sitios, asente: «Eu creo que si. Somos cromos repes, pero é normal. As persoas cunha certa sensibilidade e que deron o paso á intervención social e cultural acostumamos estar en varias asociacións, tamén porque sabemos o necesario que é apoialas. Hai que crear un tecido social activo, unha rede que percorra o asociacionismo participando nese día a día», conclúe. E con respecto á presenza da mocidade, confesa que non sabe ben o que acontece. «Hai mozos moi activos que participan nese tecido -agrega-, pero tamén é certo que teñen menos tempo e andan a buscarse a vida. Eles téñeno máis difícil».

Santiago é para Pilar unha cidade fermosa, acolledora e unha aldea grande disposta a mostrarse e a que a goce todo o mundo. «Pero non poden entrar hordas de peregrinos ou turistas sen control, pisándoa máis nun ano que nun século anterior. Non poden converter o comercio nunha tenda chinesa repetida ata o infinito e que non achega nada do propio. Cómpre un cambio a nivel local e galego, para que a cidade que nos representa a todos sexa habitable e amable. Mesmo non se pode expulsar aos maiores do asilo de Carretas á aldea de San Marcos para convertelo en espazo para peregrinos; iso non debe facérnolo a Igrexa á que tanto lle damos todos nós», segundo lamenta.

Pilar Sampedro anda esta temporada moi metida na promoción cidadá dunha campaña conmemorativa do centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo: «É un ser grande e poliédrico. El achegounos o maior selo de identidade de Galicia, na segunda metade do século pasado, a través da cerámica de Sargadelos que nos representaba no mundo. Foi a nosa Bauhaus. Un empresario único que foi quen de converter a cultura en industria, aínda que de Isaac nos quedou ese sabor agridoce de sabelo traizoado, de velo vello e vencido polos malos fados, polos malos empresarios desa escola que o destrúe todo para propio beneficio», láiase con amargura. Unha manda de pezas para Isaac é o nome da campaña social, cuxo obxecto é recoller obras inspiradas no seu legado ata o 13 de agosto.