A baixa da pediatra titular reduce o servizo en Porto do Son a tres días á semana

Noia / La Voz NOIA / LA VOZ

PORTO DO SON

Luis Oujo, xa falou coa xerente da área sanitaria, Eloína Núñez, para solicitar a presenza dun pediatra a tempo completo, «ou problema é que non vos hai»

17 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Desde fai unhas dúas semanas, o servizo de pediatría no centro de saúde de Porto do Son préstase unicamente tres días, unha situación derivada da baixa da profesional que ocupa a praza e as dificultades para atopar a alguén que a substitúa. A ausencia da especialista prevese longa e, por iso, usuarios e partidos políticos urxen medidas para solucionar esta carencia.

O BNG fíxose eco das queixas de nais e pais do municipio. Ante a baixa da pediatra titular, Sanidade envía a un profesional de Noia, pero só pasa consulta no centro de saúde sonense os martes, xoves e venres catro horas ao día, de 8.00 a 12.00. Isto provoca, segundo denuncian os nacionalistas, que xa desde a semana pasada estean a darse citas de consultas para o mes que vén. «Sabemos que é un momento complicado porque non hai pediatras dispoñibles, pero iso é unha consecuencia de que non se convocaran prazas e dos recortes na sanidade», sinalou o portavoz do BNG, Balbino González.

Pola súa banda, o alcalde, Luis Oujo, xa falou coa xerente da área sanitaria, Eloína Núñez, para solicitar a presenza dun pediatra a tempo completo, «o problema é que non os hai». O rexedor sinala que nos demais centros de saúde do municipio non hai este servizo e, polo tanto, todos os menores de 15 anos acoden á localidade sonense: «Trátase dunha baixa de moitos meses e non podemos estar así». Neste sentido, en Sanidade asumiron o compromiso de buscar unha solución canto antes.