Os mellores cans presumiron de estilo e beleza en Porto do Son

Ana Lorenzo Fernández
L. Sarmiento RIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

Ao redor de 130 exemplares de 58 razas participaron no concurso organizado pola Sociedade Canina Galega

22 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Nin a intensa calor, nin as numerosas probas amedrentaron onte aos preto de 130 cans de 58 razas distintas que se deron cita na chaira portuaria de Porto do Son para participar no décimo noveno concurso nacional que organiza a Sociedade Canina Galega, e onde se demostrou, unha vez máis, que «en Galicia existen exemplares de moi boa calidade», apuntaron fontes da organización que preside Agustín Fontán.

Desde primeira hora da mañá sucedéronse os distintos pases divididos por categorías e razas, e nos que os xuíces o tiveron moi difícil para decidir quen serían os gañadores. Segundo explicaron os organizadores, neste tipo de concursos valórase moito a similitude que ten cada can co estándar da súa raza, ao que se une a súa forma de camiñar, «porque a eles lle gusta pasear e que a xente os vexa».

Variedade

Despois de valorar todas as probas, un exemplar de cotón de Tulear, un can de auga español, un dogo do Tíbet, un bulldog francés e un can sen pelo mexicano foron os vencedores nas distintas categorías do concurso sonense.

Tamén houbo unha proba especial para premiar ao mellor presentador infantil e xuvenil, unha competición na que os participantes llo tomaron moi en serio á hora de destacar as grandes cualidades das súas mascotas.