A Garda Civil busca aos autores de media ducia de roubos cometidos en casas de Porto do Son

Ana Lorenzo Fernández
a. lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

CARMELA QUEIJEIRO

Os delincuentes buscan residencias de uso vacacional

24 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Numerosos veciños de Porto do Son están moi preocupados pola recente onda de roubos en vivendas que se rexistraron no último mes no municipio e que suman, polo menos, media ducia de casos. Os delincuentes buscan residencias de uso vacacional e atópanse desocupadas, co fin de poder moverse con maior liberdade e sen medo a ser descubertos, aínda que en moitos dos inmobles fixeron saltar as alarmas de seguridade.

A última subtracción rexistrouse na noite de mércores ao xoves, cando os cacos accederon a unha casa situada no lugar de Carballido, na parroquia de Xuño, de onde levaron obxectos de escaso valor. Tamén se presentaron denuncias doutros roubos cometidos en vivendas da zonas de Queiruga, Baroña e Nebra, e en todos eles se repetiu o mesmo modus operandi: os ladróns rompen o cristal dunha fiestra para acceder ao interior do inmoble do que adoitan levar efectos pouco importantes. De feito, na maior parte dos casos, son máis custosos os danos nos domicilios que o valor do que logran subtraer.

Varias liñas de investigación

Os axentes da Garda Civil do posto de Porto do Son, en colaboración cos da policía xudicial de Noia, levan tempo tras a pista destes delincuentes, e barallan varias liñas de investigación para poder darlles caza canto antes. En principio, podería tratarse de ladróns da zona que teñen problemas coas drogas e que necesitan diñeiro doado para comprar estupefacientes.

Neste sentido, a semana pasada o persoal do instituto armado do cuartel noiés lograba deter a dous homes que supostamente están implicados en roubos perpetrados en máis dunha quincena de vivendas situadas nos municipios de Noia e Lousame.