A rehabilitación de casas recupera niveis parellos a antes da crise

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

carmela queijeiro

A actividade mantense estable cunhas 70 licenzas concedidas ao ano

20 mares 2019 . Actualizado ás 13:18 h.

Nos últimos tempos, sobre todo despois do pau que supuxo o fin da burbulla inmobiliaria, sempre se falou da rehabilitación de vivendas como o salvavidas que conseguiu manter á boia a pequenas empresas e profesionais dedicados á construción. Isto é así, pero este tipo de proxectos tamén experimentaron un bajón do que se están recuperando. Non en balde, segundo os datos publicados a finais do ano pasado -aínda que corresponden ao 2017- a actividade relacionada coa restauración de inmobles está xa nuns niveis parellos aos que se rexistraban antes da crise.

As cifras de licenzas concedidas están lonxe das que se deron no primeiro lustro do novo milenio, unha época na que se excedían holgadamente o centenar de proxectos de rehabilitación nos municipios barbanceses e que acabou, precisamente, co comezo da recesión. Con todo, a evolución experimentada nos últimos exercicios tende claramente á alza e son ao redor de 70 permisos os que se conceden cada ano para a recuperación de vellas vivendas na zona, segundo os datos do Ministerio de Fomento.

Esta cifra hase acadado de modo gradual nos últimos anos tras superar a fochanca que supuxeron o 2013 e o 2014, exercicios nos que a actividade tocou fondo ao contabilizarse pouco máis de medio centenar de proxectos de rehabilitación. Desde entón, o aumento hase mantido sostido e, se se pregunta nos departamentos de Urbanismo municipais sobre a traxectoria da actividade nos últimos meses sinalan que esta tendencia se mantén. De feito, indican que as licenzas que se solicitan son, fundamentalmente, para restaurar e apenas hai obra nova.

Aínda que os guindastres para levantar bloques de vivendas volveron a aparecer na comarca, a rehabilitación de inmobles e as reformas seguen sendo a principal fonte de ingresos para o sector, como apuntan os pequenos empresarios da construción.

Con todo, as cifras de licenzas solicitadas para este tipo de obras, pese ao repunte, están moi lonxe das acadadas nos anos dourados da actividade, nos que se duplicaba o número de permisos actual.

Moi lonxe

Os datos que publica o Ministerio de Fomento remóntanse, como máximo, ao 2000, exercicio no que se rexistrou a maior cifra de licenzas para rehabilitación ata a data, 165. Pero non foi algo excepcional, posto que nos seguintes anos mantívose o nivel, con 130 no 2003 ou as 142 contabilizadas no 2006.

En canto aos datos máis recentes dos que se dispón, Ribeira encabeza o ránking cun total de 24 permisos, seguido dos dez computados en Rianxo e en Porto do Son.

Banco de vivendas

Rianxo atópase á cabeza da comarca en canto a rehabilitación de vivendas, e niso é posible que teña tido algo que ver o banco de inmobles creado no seu día para pór en contacto aos donos de casas antigas interesados en vendelas e a posibles compradores. Carlos Fernández Coto, arquitecto da ARI rianxeira, recoñece que a iniciativa funciona coas limitacións propias do mercado, pero si se logrou algunha transacción que acabou coa execución dun proxecto de restauración: «Hai rehabilitación, pero case sempre de casas propias. Ou mercado está como está, non hai ánimo de comprar, pero houbo xente que se apuntou e acabou mercando».

Un deses inmobles que cambiou de mans a través do rexistro de rehabilitación de Rianxo é unha casa de remo situada en Rinlo, e no banco de vivendas queda algunha máis dispoñible. En total, nesa listaxe de construcións en venda para a súa restauración figuran preto dunha vintena de edificacións.