Un miñato de Alvedro que emprendeu o voo en Baroña

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

Carmela Queijeiro

O centro educativo do Campanario asistiu a unha xornada ambiental promovida pola comunidade de montes

14 feb 2019 . Actualizado ás 09:42 h.

A comunidade de montes de Baroña vai máis aló do aproveitamento do terreo forestal e persegue a súa posta en valor con actividades encamiñadas a que «a xente entenda que o monte e os seus usos son moi variados e actúan moitos colectivos», afirma o seu presidente, Ovidio Queiruga. A sensibilización hai que iniciala desde a base e, precisamente, iso ocorreu onte cunha xornada ambiental promovida polo colectivo para os alumnos do Campanario, que puideron facer mil e unha preguntas a técnicos de Medio Ambiente do distrito cuarto.

Os estudantes tiveron ocasión de coñecer a actividade que desenvolven os técnicos, como o control da flora e a fauna ou das actividades no monte. Os rapaces tiveron ocasión de expor todo tipo de cuestións, e non a desaproveitaron. Interesáronse por coñecer como collen aos animais e tamén preguntaron a que teléfono deben chamar no caso de que atopen algún exemplar ferido.

Sacalo de onde molesta

A xornada comezou cunha charla e concluíu cunha didáctica actividade ao aire libre na que os mozos puideron penetrarse no coñecemento da fauna salvaxe.

Proporcionado polo Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe de Oleiros, os técnicos ambientais soltaron a un miñato.

O animal ten unha particularidade, e é que fixara a súa residencia no aeroporto de Alvedro. Isto constituía un problema porque, aínda que se utilizan aves rapaces para evitar que outro tipo de paxaros acaben provocando danos nos avións, o miñato non figura entre elas.

O axente de Medio Ambiente explicou que foi necesario sacar ao exemplar do aeroporto coruñés e deixalo en liberdade nun lugar bastante afastado. O motivo, impedir que dentro duns días volvese facer acto de presenza en Alvedro.

Por ese motivo, aproveitando a solicitude efectuada pola comunidade de montes de Baroña para realizar unha actividade ambiental, decidiuse que Porto do Son era un lugar ideal.