José Quintáns: «Neste equipo facemos falta todos»

PORTO DO SON

CEDIDA

Vivir o deporte rei ao carón do céspede é máis que unha afección, para el é un estilo de vida

12 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

José Quintáns (Porto do Son, 1987) pertence a unha estirpe que respira fútbol. Coñecido como o Jatiño polo alcume do seu pai, seus dous irmáns pequenos tamén forman parte do Porto do Son, conxunto que dirixe. Vivir o deporte rei ao carón do céspede é máis que unha afección, para el é un estilo de vida.

-Como valora a campaña?

-O certo é que empezamos un pouco frouxos. Temos moitos rapaces mozos e, debido a que traballaban no verán na hostalería, non puidemos facer unha boa pretemporada. Hai poucas cousas seguras, pero se non te adestras é imposible comezar ben.

-Están mellorando.

-Parece que endereitamos o rumbo. Collemos unha boa dinámica de resultados nos últimos dous meses, que foi cando sumamos a maioría dos puntos.

-Parece que Mauro xa se atopa ao seu mellor nivel. Que lle pasou ao comezo do curso?

-Tivo que xogar máis atrasado pola falta de efectivos. Agora está de punta, de referencia arriba, e marca as diferenzas.

-Seu irmán, Jorge, é outro dos pesos pesados do equipo. Cando volverá ao céspede?

-En principio o luns danlle a alta, pero non sei como se atopará do brazo. Fáltalle coller a forma, pero será un reforzo importante se chega para as últimas xornadas. Neste equipo facemos falta todos, non sobra ninguén.

-Cal é a vosa meta?

-Queremos sumar o máximo posible e ver ata onde chegamos. A ver se alcanzamos a promoción, senón para o próximo ano.

-A quen ve como candidatos a pelexar polo título?

-Sendo sincero, o equipo que máis me gustou foi o Lampón. O Oleiros tamén, pero o Artes, vendo os puntos, é o que mellor está facendo as cousas.

-Que fútbol quere practicar?

-Gústame que os xogadores combinen, pero maiormente en campo rival. Non quero correr demasiados riscos atrás, nestas categorías hai moi pouca xente que poida facelo.