David Gaciño: «Este é un deporte de equipo, onde o xinete só non pode facer nada»

PORTO DO SON

CARMELA QUEIJEIRO

O xinete viaxará a Arabia Saudí para completar una carreira de 120 quilómetros polo deserto

25 ene 2019 . Actualizado ás 10:45 h.

David Gaciño (Porto do Son, 1976) é un dos nomes propios da equitación galega. Tralo seu paso polas citas máis importantes do mundo, o xinete do CHM Endurance viaxa agora a Arabia Saudí para percorrer 120 quilómetros de deserto. Deberá facer tamén fronte a un clima que muda do frío máis extremo a un calor abrasador. O sonense non se esconde á hora de explicar os obxectivos que ten marcados para a carreira de Al`Ulá, onde o vencedor gañará 250.000 euros.

-Como lle chegou a oferta para correr en Arabia?

-O país quere abrirse un pouco ao mundo e seguir o exemplo de Dubái, Catar ou Baréin á hora de organizar carreiras de longa distancia (raids). Este é un evento moi grande, con importantes premios. Están creando unha estrutura espectacular no deserto e invitaron a diferentes equipos e xinetes. De Europa iremos vinte, de España, tres. En total serán uns 200 cabalos. A min chamáronme dunha cuadra francesa. Traballei con eles noutras ocasións e quixeron contar comigo.

-Que meta persegue?

-O nivel espérase moi alto, xa que os premios son elevados. Estarán os mellores cabalos do mundo. Como en tódalas carreiras destas características, a resistencia, a saúde do animal, o clima e a técnica do xinete serán claves. A meta é rematar a proba, pero dependendo de como nos vexamos buscaremos optar ás mellores posicións. A partir do décimo clasificado, a recompensa é moi elevada.

-Canto pode gañar un equipo se está entre os dez mellores?

-Só por finalizar podes recibir entre 25.000 e 30.000 euros. O décimo levará 95.000 e o primeiro 250.000. Como digo, o nivel espérase moi alto e ademais serán moitas horas de carreira.

-Cantas estima?

-Se todo vai ben, andaremos entre as cinco e as sete horas. Esperamos unhas condicións duras. En Dubái, por exemplo, sempre fai calor, pero en Arabia Saudí a temperatura varía moito. En Dubái o deserto é liso, pero aquí, polas fotos que nos enviaron, teremos moita montaña e desnivel. Iso dificulta a proba. Sairemos ás seis da mañá e ata as nove fará moito frío. Ao longo do día, coa saída do sol, aumentará a calor. Ademais dos 120 quilómetros, a dureza do clima tamén nos pasará factura.

-Como se prepara para unha competición deste nivel?

-Nun deporte de resistencia é importante montar moito a cabalo durante o ano para coller fondo. Tamén hai que facer exercicio fóra da equitación para contar cunha resistencia maior, así como estar nun peso óptimo. Eu, pola miña envergadura, non podo superar os 77 quilos, xa que influiría a peor no cabalo. A maiores, a planificación psicolóxica é moi importante. Tes que estar preparado para o que vas atopar, xa que compites nun lugar descoñecido.

-Ao seu favor xoga a súa experiencia neste mundo.

-A experiencia é a mellor arma que teño. Xa fixen noutras ocasións esta distancia e coñezo o que vén por diante. Non me collerá por sorpresa, aínda que sexa noutro país. Sempre intento estudar o clima da zona, así como conseguir información do terreo... Teño que levar todo proxectado para empregarme á perfección en cada fase.

-Terá o tempo xusto para adaptarse ao animal.

-Si, en realidade dispoño de pouco marxe para coñecer o cabalo, que é un pura raza árabe de oito anos. Chámase Blue Jeans. A cuadra é moi boa, polo que estará perfectamente e terá o carácter a actitude idóneas para afrontar a carreira.

-O importante nun raid destas características é que o animal pase os exames médicos de cada fase. Xestionar o seu estado físico será fundamental.

-Cada vez que entras nun corte, o cabalo ten que estar nas condicións perfectas para poder seguir. Iso obrígame a escoitar á súa adestradora, que vén de Francia. Teño que adaptarme ás súas normas, porque é o equipo o que debe marcar o camiño a percorrer. As súas instrucións debo levalas a cabo o mellor posible. Este é un deporte de equipo.

-A simple vista parece moito máis individual.

-Existe un porcentaxe de traballo que cada membro do grupo debe aportar. No caso do cabalo é maioritario, porque todo depende do seu estado físico e psíquico. O xinete debe contar cunha técnica depurada, ademais de xestionar ben a enerxía do animal. Ao mellor quere correr máis ou menos e tes que saber frealo. O resto da xente é importantísima en cada parada. Cando levas cinco ou seis horas amais do cabalo precisas da súa tranquilidade. Este é un deporte de equipo onde o xinete só non pode facer nada.

-A que países considera favoritos para a vitoria?

-Sempre son as grandes cuadras de Dubái e Baréin. España e Francia tamén son dúas grandísimas potencias, pero seguramente os premios máis importantes vaian para os de Dubái.

-A que responde esa cantidade de cartos para facer probas destas nos países do Golfo Pérsico?

-Para eles é unha afección e, como poden e queren, invisten moitos cartos. Son moi competitivos e contratan aos mellores profesionais. O mundo do cabalo está presente na súa relixión, polo que é un animal que aman, queren e coidan. Sen eles non poderían existir estas carreiras onde todo se subvenciona.

-Como se atopa o seu club, o CHM Endurance? Que metas persegue?

-Estamos moi contentos coa nosa evolución. Fixemos moitas viaxes o pasado ano, así como reunións de traballo con clientes de todo o mundo. Foi unha longa tempada de negociacións. Temos en breve a clasificatoria para competir no Campionato do Mundo Júnior, onde iremos cunha amazona ecuatoriana.