Actuacións que se eternizan mentres os veciños desesperan

M. Gómez / A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

MARCOS CREO

Distintos problemas coas adxudicatarias manteñen patas para arriba núcleos e rúas da comarca

17 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Por máis certo que sexa aquilo de que quen espera, desespera, hai casos nos que a situación leva ata o extremo pondo a proba a paciencia das persoas. E se non, que llo pregunten aos residentes en Aguiño, aos habitantes do núcleo noiés da Barquiña ou aos veciños da vila sonense, que desde hai meses, e mesmo anos, sofren as consecuencias de obras inacabadas que se eternizan.

Ata agora mantiveron silencio, pero en vista de que a actuación non avanza, os residentes da Barquiña levantaron a voz para queixarse. Hai un ano, a obra para dotar ao núcleo de saneamento estaba paralizada, e 12 meses despois as rúas seguen levantadas, provocando multitude de molestias aos veciños. Para tapar as gabias hanse colocado uns ferros de metal e iso, ademais de dificultar o tránsito tanto a pé como en coche, xera moito ruído: «Hai moitísimas queixas porque non hai quen descanse co ruído, parece unha chatarrería cada vez que pasa un coche».

O presidente da asociación de veciños dirixiuse en distintas ocasións ao Concello para reclamar que se aglomere a zona dunha vez: «Levamos seis ou sete meses con todo parado».

Pola súa banda, o alcalde de Noia, Santiago Freire, explicou que a obra sufriu varios contratempos desde o seu inicio, o que provocou o considerable atraso na súa execución.

Esta semana

Indicou que confía en que esta semana leve a cabo o asfaltado da zona na que xa se instalaron as novas canalizacións, e aclarou que no seu día a obra estivo paralizada porque foi necesario facer un modificado do proxecto: «Era un desastre, era imposible colocar os colectores de pluviais sen cambiar os dos saneamento porque non ían aguantar e ían romper».

Non é o único caso de actuacións eternas. Outro exemplo próximo é o da rúa Atalaia de Porto do Son. O viario, a tiro de pedra da casa consistorial, leva meses patas para arriba e non se albisca o final dos traballos. O problema neste caso está na adxudicataria, á que o goberno local rescindiu o contrato, como explicaba o alcalde: «A obra está moi mal executada, quedou fatal, vese a simple vista. Nalgún tramo vai haber que levantar todo o formigón e volver botalo. A empresa presentou alegacións, pero van ser rexeitadas e en canto iso se resolva teremos que sacala de novo a licitación».

En consecuencia, a actuación está paralizada desde setembro e así seguirá ata que se resolva o novo concurso público.

Outro caso significativo é o da rúa Francisco Lorenzo, de Aguiño, aínda que parece que a súa resolución está próxima. Aí acometeuse un proxecto de urbanización, pero a empresa que iniciou a súa execución crebou e a actuación quedou incompleta. Faltan tramos de beirarrúas, pasos de peóns elevados e retranquear postes do tendido eléctrico que invaden a calzada. Así está o viario, o principal acceso á localidade, desde fai como pouco ano e medio.

Fontes da Deputación, organismo titular da estrada, indicaron que hoxe mesmo está previsto asinar o contrato coa firma que finalizará a actuación, cun investimento de 94.188 euros.