Retos 2022: Turismo e emprego son os alicerces que sustentan os plans de futuro de Outes

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. branco RIBEIRA / LA VOZ

OUTES

marcos creo

O saneamento levará unha importante partida, sobre medio millón de euros

26 ene 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

Fixar poboación, ampliando os servizos para mellorar a calidade de vida dos veciños, aumentando os atractivos que posúe o territorio e promovendo a creación de emprego, é o gran reto que se marcou para este 2022 o Concello de Outes . Dous son os alicerces que sustentan a folla de ruta deseñada para logralo: a potenciación do turismo e a implantación de novas empresas. O rexedor local, Manuel González, destaca que o desenvolvemento económico do territorio é «a gran materia pendente» e será polo tanto cara á que se dirixan boa parte dos esforzos durante os próximo meses.

1 TURISMO

UN MUSEO PARA A CARPINTERÍA DE RIBEIRA

Outes dará este ano un paso de xigante en materia turística, coa posta en marcha do primeiro museo dedicado á carpintería de ribeira. O edificio xa está a cobrar forma en Broña, onde o Concello está a restaurar un antigo taller, cun investimento que rolda o medio millón de euros. A idea é trasladar a estas novas instalacións ofíciana de turismo que actualmente está no Freixo. No seu interior exhibiranse tantos utensilios vinculados co oficio como paneis e ata algunha pequena embarcación. Do mesmo xeito, o Concello outiense manterá a súa aposta pola promoción do geodestino de Muros-Noia do que forma parte.

2SANEAMENTOS

MELLORA DEFINITIVA DA DEPURADORA

O investimento en saneamento tamén roldará os 500.000 euros. Este é un ámbito que o executivo local considera estratéxico, pola importancia que ten a ría a nivel turístico e económico. Entre as obras programadas figura a reparación da depuradora, unha infraestrutura na que se investirán 300.000 euros co fin de garantir o seu correcto funcionamento. Para Manuel González e o seu equipo, esta actuación é vital, posto que a estación dá servizo aos núcleos situados en toda a liña litoral do municipio. Tamén neste 2022 está previsto instalar o saneamento en Quintela e Ousesende, núcleos ambas da parroquia de San Ourente.

3 ECONOMÍAS

RESERVA DE CHAN PARA A INDUSTRIA

Atraer empresas é un dos grandes retos que se marcou o executivo de Outes, pero para iso é fundamental dispor de chan no que poidan implantarse. A idea, segundo explicou o rexedor local, é aprobar nos próximos meses unha modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal, co fin de delimitar unha superficie que se destinará a área empresarial. «É un primeiro paso para desenvolver máis adiante», matizou Manuel González.

4 EVENTOS

ORGANIZACIÓN DUNHA FEIRA NÁUTICA

Tamén co fin de contribuír ao impulso da economía, o Concello de Outes traballa na organización dunha feira náutica, que tería lugar no porto do Freixo o próximo mes de xullo. A idea é que sirva de escaparate ás empresas do sector náutico de toda a comarca e que inclúa tamén actividades relacionadas coa cultura mariñeira, como un encontro de embarcacións tradicionais. Á espera de ver como funciona esa primeira edición, a pretensión é que a actividade teña un carácter bianual.

5 HUMANIZACIÓNS

MÁIS PROTAGONISMO DOS PEÓNS

No plan que ten o executivo para facer de Outes un municipio máis atractivo atópase un proxecto de humanización que xa está en marcha, no que se inclúe a mellora da avenida de San Campio, unha actuación que está a se executar e cuxo orzamento se achega aos 350.000 euros. Outra actuación a incluír é a construción dunha senda peonil que conectará o núcleo da Serra coa piscina municipal. Neste caso, o orzamento roldará os 140.000 euros. Tamén está previsto acometer unha reforma da praza do concello, á que se destinarán uns 220.000 euros. E antes de que acabe o ano, o executivo agarda ver concluídos o paseo marítimo do Freixo e a senda fluvial da Serra.

6 EFICIENCIA ENERXÉTICA

SUBSTITUCIÓN DAS LUMINARIAS

Unha das partidas máis importantes dos orzamento de Outes para este exercicio terá como destino un plan de eficiencia enerxética que xa está deseñado. Manuel González explicou que a contía a investir neste proxecto rolda os 800.000 euros. A idea, segundo comentou o rexedor local, é substituír as luminarias da rede pública de iluminación por outras de tecnoloxía led, buscando así abaratar a factura relativa ao consumo eléctrico. Para realizar este importante investimento, o Concello contará cunha axuda do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía de España (IDAE), unha entidade adscrita ao Ministerio para a Transición Ecolóxica, que achegará o 80 % do gasto.

7 SERVIZOS SOCIAIS

CO FOCO EN FAMILIAS E MAIORES

Co fin de mellorar a calidade de vida dos veciños, o Concello de Outes quere pór o foco este ano na conciliación familiar. Para iso, un dos propósitos é trasladar o punto de atención á infancia a unhas instalacións máis amplas e funcionais. O lugar elixido é o antigo colexio de Cruceiro de Roo. As obras para a adecuación da planta baixa deste inmoble xa están en fase de licitación por un importe que rolda os 200.000 euros. A terceira idade é outro dos colectivos que se sitúan no centro da diana de servizos sociais en Outes. O executivo pretende repetir a liña de axudas que lanzou por vez primeira no 2021, enfocadas a mellorar a autonomía e as condicións nos fogares.