Outes lanza o Roteiro Emocional dous Capinteiros cos Pés Mollados

M. X. B.

OUTES

cedida

É unha aplicación de Internet que serve de complemento para unha senda xa existente

02 dic 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Co fin de ofrecer unha nova alternativa turística, o Concello de Outes lanzou o Roteiro Emocional dous Carpinteiros cos Pés Mollados, unha aplicación de Internet que serve de complemento para unha senda xa existente, que transcorre polo litoral das parroquias do Freixo e San Cosme. Os usuarios terán ocasión de ver e escoitar o testemuño de veteranos carpinteiros e doutras persoas relacionadas con esta actividade, que contan as súas experiencias a través de vídeos.

A presentación da ruta, que tivo lugar no Centro Náutico do Freixo, contou coa participación dalgunhas das persoas que contan as súas vivencias, como son os mestres carpinteiros Manolo Amado, José Abeijón e Manolo de Xan. Tamén formaron parte do proceso de elaboración Manuel de Sara e Paula Vilariño, esta última neta dunha saga de carpinteiros de ribeira.

Do mesmo xeito, neste proxecto participan o arquitecto Óscar Fortes, que explica a pegada que esta actividade deixou no territorio, e Santi Llovo, que é autor dunha das principais publicacións sobre a historia da carpintería de ribeira en Outes.

O alcalde, Manuel González, apuntou que «é un paso máis na aposta do Concello por poñer en valor esta actividade que tanto significou na historia de Outes, que é recoñecido como o berce da carpintería de ribeira en Galicia».

As persoas que desexen coñecer esta ruta poden baixar un código QR que se instalará no punto de partida, o paseo marítimo do Freixo. Tamén atoparán unha recreación da ruta na páxina web municipal.