Pepe Barrio e Pilar Sarmiento recalan en Outes liderando o galego de motonáutica inclusiva

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

OUTES

FEDERACIÓN GALEGA DE MOTONÁUTICA

Tras elas na clasificación atópanse os vigueses José Luís Álvarez e Oswaldo Davila, que están a só dous puntos do primeiro posto

13 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O peirao do Freixo, en Outes, acollerá hoxe, a partir das 11.00 horas, a cuarta proba de Campionato Galego Inclusivo de Motonáutica. Farao con dous deportistas da zona liderando a táboa xeral, Pepe Barrio e Pilar Sarmiento, quen deberán demostrar nas augas da ría de Muros-Noia que seguen sendo os mellores de Galicia.

Tras elas na clasificación atópanse os vigueses José Luís Álvarez e Oswaldo Davila, que están a só dous puntos do primeiro posto. A falta de dúas xornadas para o peche do galego, todos os deportistas saben que a cita desta mañá é crucial para o devir do torneo. Aínda que o obxectivo é tamén difundir unha disciplina inclusiva e fomentar que o deporte si pode ser para todos, unha vez postos en materia todos queren gañar.

Ningún dos dous primeiros clasificados debería esquecerse dos tudenses Estévez e Piñeiro, que se atopan a catro puntos do liderado. A cita de hoxe, do mesmo xeito que ocorreu coa celebrada en Portosín, está organizada pola Federación Galega de Motonáutica e Adeco-Dea, e conta ademais co apoio do Concello de Outes. Finalmente haberá sete equipos en liza, coa presenza tamén de deportistas de Tomiño e Sada.

Para aqueles que non coñezan o slalom inclusivo, esta disciplina náutica realízase entre dúas persoas, piloto e copiloto, un deles con diversidade funcional, que deben enfrontarse a unha serie de probas de destreza nun circuíto marcado por boias fondeadas. Os concursantes non saberán cales serán os retos de habilidade que deberán completar ata pouco antes do momento de inicio, o que dificulta máis a súa realización.