Sancosmeiros

Carmen Alborés. CAIXA DE CORREOS DO LECTOR

OUTES

18 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Pode enviar os seus textos á dirección de correo electrónico redac.barbanza\lavoz.es

M e imaxino aquelas mulleres de San Ourente nas súas casas, clasificando os húmidos talos de palla de centeo e tecendo con eles unha longa trenza que logo coserían e darían a forma desexada para elaborar uns chapeus, pezas que logo se remataban póndolle unha cinta ancha de cor negra ao redor da copa cun sobrante caéndolle por detrás e un ribete negro bordeando a á. Estes chapeus comparten nome cos desaparecidos barcos sancosmeiros. Eran usados polas mulleres do campo, valían tanto para o sol como para a choiva. Tiñan unha á ancha, así cando varias mulleres estaban a cavar, só se vían unhas pernas e uns brazos coa aixada, pero sen cabeza, porque a tapaba aquel enorme chapeu, de tal xeito que para responder o saúdo tiñan que endereitarse.

Agora xa case non se fan, moitas campesiñas usan outros chapeus que venden nos mercados, ou mesmo algunha viseira de tea. Aqueles chapeus eran especiais, non se se se parecen a unha pamela ou a un canotier, nin quen foi a súa primeira deseñadora, nin tan sequera reciben o nome do lugar onde se facían. Eu creo que se os adornasen cunhas cintas de cores, unhas flores, unhas plumas ou uns abelorios ben poderían ser lucidos nas carreiras de cabalos de Ascot.

O único recoñecemento foi o asocialos ao traxe rexional. En Noia, o pasado verán houbo un día de exaltación deste chapeu portado por mulleres vestidas con traxes típicos, ¡agora xa case só os venden como un suvenir decorativo!

Lembro os versos de Pablo Neruda: «Que pensasen do meu chapeu, en cen anos máis, os polacos?». Eu non se o que pensasen os polacos, pero si sei que dentro de cen anos este chapeu pasará á historia como complemento folklórico dun traxe rexional e nós xa non estaremos para explicarlle á xente o bonito que era ver aquelas mulleres campesiñas ou mariñeiras todas ataviadas co mesmo e xenuíno chapeu sancosmeiro. Carmen Alborés. Outes