Unha exposición colectiva reunirá fondos para a asociación A Creba

La Voz

OUTES

MARCOS CREO

A mostra permanecerá aberta na casa de cultura de Outes ata o 7 de xaneiro

30 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O gran labor que realiza a Asociación de Saúde Mental A Creba está fóra de toda dúbida, e por iso cada vez é maior o número de artistas que se suman á exposición colectiva que se organiza para recadar fondos para a entidade. Esta tarde, ás 20.00 horas, terá lugar a inauguración da mostra deste ano, que estará colgada das paredes da casa de cultura de Outes ata o 7 de xaneiro. O 40 % de todo o diñeiro recadado coa venda das distintas obras irá destinado ao colectivo, que atende a decenas de veciños da comarca que sofren algunha enfermidade mental.

A dinamizadora cultural Cristina Carballedo foi a encargada de comisariar esta exposición, que abarca un amplo abano de traballos, aínda que destacan os de pequeno tamaño, xa que son os que teñen máis saída neste tipo de iniciativas. Ademais, agardouse a que cheguen as festas do Nadal para abrir esta mostra, xa que moitos visitantes poden aproveitar para adquirir algúns agasallos.

Entre as obras que se exhibirán nas próximas semanas haberá paisaxes de Antonio Abad, Isabel Alonso, Marco Real ou Antón Sobral; acuarelas de Rafael Gil e Suso Noya; ou pintura onírica de Corín Cervexa ou Noa Persán. Non faltarán as fotografías de Xavier Carrasco e Pedro G. Losada, as esculturas de Tino Canicoba, Luis das Cuevas , Honorio, Antón Souto e Xoán Vila; a figuración de Fernando Barreira, Jorge Espiral, Miguel Anxo Macía, Magalhaes, Novais, Fernando Pereira ou Veiras Manteiga, e os gravados de Adrián Pandolfo ou Enrique Tenreiro.

Horario de visita

O horario de visita será, de luns a venres, de 10.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 11.00 a 13.00.

Ademais, a mostra estará aberta cando se realicen outro tipo de actos culturais nas instalacións.