A alcaldesa de Outes prometeu dedicación ao cargo na súa investidura

J. M. Sande OUTES / LA VOZ

OUTES

Sande

Beatriz Molinos Vidal tomou a vez á fronte do goberno local co apoio dos concelleiros do PP e do edil socialista

26 ago 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

Tras a renuncia de Carlos López Crespo a continuar á fronte do goberno de Outes para concorrer ás eleccións autonómicos como número once do PP, a última hora da tarde de onte tomou posesión do cargo a súa sucesora: «Tentarei responder con dedicación, esforzo e espero que con acerto á confianza que hoxe depositades en min». Estas foron as primeiras palabras da nova alcaldesa, Beatriz Molinos Vidal, despois da votación na que resultou elixida.

Tras os formalismos propios dun pleno de investidura, o secretario pediu que se postulasen os candidatos á alcaldía. Fixérono Beatriz Molinos e Manuel González, portavoz de Compromiso por Galicia (CxG). Este último contou cos votos do seu grupo, mentres que a aspirante do PP obtivo o respaldo dos oito concelleiros populares e o do PSOE. Na súa primeira intervención como rexedora de Outes pediu aos demais partidos que exercesen unha oposición construtiva, á vez que dirixiu unhas palabras ao seu antecesor: «Carlos foi o meu profesor na escola e tamén o meu mestre na política. Espero seguir aprendendo del para ter éxito no goberno municipal».

Tamén se dirixiu aos outienses, aos que invitou a participar na vida municipal: «As portas do Concello seguirán abertas a todos os veciños para que me trasladen as súas ambicións, inquedanzas e queixas para así facerme máis doado o meu labor».

López Crespo, pola súa banda, brindou á nova alcaldesa o apoio «de todo o grupo municipal popular para que teu traballo sexa eficaz, e trataremos que non se note o cambio máis que na sensibilidade coa que ti asumes todo o que fas».

Tamén a oposición

Os portavoces dos demais grupos da oposición tamén se dirixiron á recentemente elixida alcaldesa. O edil de Compromiso por Galicia Manuel González recoñeceu que o pleno de onte ten plena validez legal, pero matizou que «non é o mesmo, pois os veciños elixiron a outro alcalde». No entanto, engadiu: «Nós faremos unha oposición construtiva e seguiremos traballando para conseguir un cambio político en Outes no 2019».

Pola súa banda, o concelleiro do PSOE, Julio Fernández, xustificou o seu voto favorable a Beatriz Molinos argumentando: «É a primeira vez que Outes vai ter unha muller como alcaldesa e iso é un xiro de progreso».

Coas intervencións dos grupos deuse por finalizado o pleno extraordinario.