As mostraxes confirman a alta mortaldade do marisco en Noia

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. branco RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

CARMELA QUEIJEIRO

O colectivo de profesionais a pé celebrou a súa primeira asemblea coa presenza de máis de 250 socios

30 ene 2023 . Actualizado ás 08:18 h.

Existía un gran temor na confraría de Noia de que a caída da salinidade provocada polas intensas choivas ocasionase a mortaldade do marisco e esa previsión confirmouse, polo menos nas zonas do marisqueo a pé. As mostraxes realizadas durante os últimos días han permitido concluír que unha parte importante do bivalvo adulto está morto. A boa noticia é que a cría sobreviviu ás riadas.

Os profesionais volverán aos areais o 20 de febreiro e as expectativas son malas: «Vimos dunha primeira metade de campaña que foi un desastre e todo indica que así vai continuar», recalcou Francisco Pérez, o presidente da agrupación de mariscadores a pé. Sobre o resultado das mostraxes realizadas, sinalou que é o agardado: «A xente estaba concienciada, porque choveu moito e tampouco sabemos a incidencia que tivo a apertura da presa do Tambre».

A pesar diso, Pérez quixo mirar con optimismo cara ao futuro: «O lado positivo é que nesas inspeccións que realizamos comprobamos que hai moita cría e que está en boas condicións, polo que mantemos a esperanza de cara á vindeira campaña».

Primeira asemblea

Desde o último proceso electoral, Francisco Pérez, que lideraba unha lista alternativa á do patrón maior, Santiago Cruz, é o presidente do colectivo de mariscadores a pé. Cumprindo un dos compromisos adquiridos, reuniu aos profesionais do sector na que foi a primeira asemblea para debater e mesmo votar diversas cuestións.

Ao encontro acudiron máis de 150 persoas que, entre outros puntos tratados, decidiron seguir elixindo mediante un sorteo aos mariscadores que no verán traballarán nas concesións de Muros e estableceron os criterios que rexerán as quendas de vixilancia e de realización de traballos de mantemento dos bancos, que se intensificarán co fin de tratar de aumentar a produtividade.

Tamén analizaron a primeira metade da actual campaña, que cualificaron de moi mala, algo que achacaron á toxina, as riadas, os temporais e a mala xestión do depósito: «Aumentou os cupos cando o prezo estaba moi baixo e caeu máis», criticou Pérez.